
Hai unha serie moi boa en Netflix que fala sobre a desinformación e sobre os conflitos que pode irradiar, por exemplo, nun hipotético problema racial. A verdade é que vivimos nun mundo influenciado que é capaz de cambiar a nosa ideoloxía, varrer as nosas crenzas e mudar os nosos dereitos humanos amparados por noticias falsas ou idearios inexistentes. Moita xente pensa que os maiores ditadores eran xente influenciada polo mal nato que inunda os corazóns sen misericordia nin dó. Non obstante, eles non chegarían a ser o que foron sen ducias de persoas do común que foron influenciadas por un ideario manipulado. Pensemos que na URSS xa se modificaban as fotos para mover masas. Imaxínense vostedes o que ocorre no tempo que nos tocou vivir, cheo de tecnoloxía, a dispor de causas xustas e non tanto.
En pleno 2024, o xornalismo non é xa unha carreira profesional vocacional. Quedan poucos profesionais deste segmento que primen o valor da noticia fronte as presións que exercen determinados colectivos de interese. A noticia é rápida, case instantánea dende a China ata Vimianzo, descoidando aspectos como a veracidade ou o rigor. As novas comunícanse dende os protagonistas a través de axencias de comunicación. Temos entón non xornalistas, senón máis ben, comunicadores que expresan a historia segundo conveniencia dos intervintes. Temos finalmente unha terceira variable non menos formidable.
A nova non xorde no intre que sucede ou se coñece. Acontece no intre xusto que interesa, a miúdo para desviar a atención de temas de tremenda actualidade para outros protagonistas. Velaquí o xogo de poder que fai que unha das maiores democracias do mundo como é Estados Unidos se dirima no plano virtual dunha rede social.