Unha identidade visual común para as Romarías do Mar da Costa da Morte

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Baixo o programa Nove Mares saíron estes deseños, que a Fundación Pondal cede a Concellos, comisións ou asociacións interesadas

10 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Eduardo Pondal desenvolveu este 2024 o proxecto Nove Mares, financiado polo GALP Costa da Morte co ánimo de coñecer, analizar e poñer en valor a cultura marítima deses nove concellos que cobre o GALP, de aí os Nove Mares. O primeiro dos ítems tratados no seu día foron as romarías ligadas ao mar, como recurso a ter en conta para a dinamización e desenvolvemento sostible do territorio.

Para conseguir un impulso das romarías como elemento cultural, díxose na fase de conclusións, cómpre traballar en rede, forxar un relato compartido, unha identidade que, de entrada, podería pasar por unha infografía ou soporte visual común. E Nove Mares xa deu ese froito.

A cooperativa Cidadanía, que contou para a ocasión co talento de Clara Copena Amigo, presentou uns deseños alusivos aos Milagres de Caión (A Laracha), San Adrián da Piña (Carballo), San Hadrián do Mar (Malpica), Virxe do Faro (Brantuas-Ponteceso), San Fins do Castro (Cabana), Faguía de Carnés (Vimianzo), Virxe do Monte (Camariñas), Virxe da Barca (Muxía) e Santa Rosa (Laxe). GDR e varios Concellos xa teñen amosado interese polas creacións para algún proxecto, xesto que enche de orgullo á Fundación Pondal. A entidade anuncia, neste sentido, a renuncia aos dereitos sobre as imaxes e cede os deseños para libre uso por consistorios, comisións ou asociacións para a divulgación das romarías en cuestión.