Un alumno do CEIP Labarta Pose de Baio gaña o 21.º certame Contos de Nadal
CARBALLO
Antonio Candal Rey presentou ao concurso de La Voz a orixinal historia dun burriño
15 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A 21.ª edición do certame literario Contos de Nadal de La Voz de Galicia xa ten gañador: Antonio Candal Rey. É alumno de cuarto de primaria do colexio Labarta Pose de Baio, e o que isto vén a significar é que este centro educativo volve levar de novo, coma no 2023, o primeiro posto do podio que recolle os dez relatos máis puntuados polo xurado. Daquela volta, 20.ª edición, a gañadora fora Sara Fernández Santos, unha pequena dada á boa pluma, e para mostra o feito de que este 2024 conqueriu un novo galardón, o sétimo premio. A ledicia non queda aí para o Labarta Pose, porque este será o terceiro ano consecutivo encabezando o concurso: no 2022 gañárao Mariña Vázquez Espasandín. En toda a historia do certame, creado no 2001, tres veces foi o primeiro posto para o centro educativo baiés, e as tres seguidas.
Ademais de Antonio e de Sara, ten o Labarta Pose outros dous alumnos premiados nos Contos de Nadal 2024: debuta Olivia Álvarez Domínguez e repite tamén Laura Cerviño Fuentes, cun noveno posto que chega logo do séptimo acadado no ano 2023.
O burriño que quería ser un reno de Papá Noel é a historia presentada polo gañador desta edición, un texto seleccionado por todos os integrantes do equipo valorador, obtendo así a maior puntuación. «Nacera nunha granxa rica, cunha corte para el só, un montón de comida e cepillado diario. Era un burro feliz», contemplan sobre o burro Blas unhas cantas liñas deste conto que, como os outro nove seleccionados polo xurado, será publicado o vindeiro sábado nas páxinas de La Voz. Ese día, 21 de decembro, será a entrega de premios, ás 12.00 na Casa da Cultura de Vimianzo, con presenza de autoridades, comunidades educativas e familias.
Bergantiños, Soneira e Fisterra
Alba García Suárez, do colexio A Cristina de Carballo; e Olivia Álvarez, do Labarta Pose, seguen a Antonio nese podio como segunda e terceira premiada, respectivamente. Estivo esta 21.ª edición repartida, pois o cuarto premio viaxou ata o colexio Manuela Rial Mouzo de Cee, onde estuda Vera Martínez Figueroa, e o quinto chegou ata o colexio Nosa Señora do Carme de Fisterra, que ten nas súas aulas a Edurne Trillo Fábregas. Mateo Fernández, de As Revoltas de Cabana; Sara Fernández, do Labarta Pose; Roi Barcelona, do Manuela Rial; Laura Cerviño, do Labarta; e Sofía Domínguez, de novo do Manuela Rial, conqueriron o sexto, sétimo, oitavo, noveno e décimo posto, respectivamente. Quero isto dicir que polo escenario da Casa da Cultura de Vimianzo pasarán o sábado a recoller galardóns estudantes de Bergantiños, Soneira e Fisterra.
Contos de Nadal de La Voz de Galicia é un certame que conta co patrocinio de EDP Renewables e Fundación EDP. Ademais de fomentar a creatividade literaria nesta época de Nadal, o concurso procura espertar nos nenos a observación do seu entorno máis inmediato, a Costa da Morte nas súas múltiples dimensións, sendo capaces de levar todo iso ao papel en lingua galega. Historia, patrimonio material e inmaterial, paisaxe, sabedoría popular... A convocatoria está dirixida ao segundo ciclo de primaria de todos os centros educativos desta comarca, e pese ás súas idades temperás [terceiro e cuarto curso], os textos revelan unha capacidade inmensa de empaparse do que sucede ao redor. Así, moitos dos relatos achegados a este concurso, máis dun cento, facían alusión ás vítimas da dina de Valencia, mais tamén á situación de guerras, á diversidade do mundo, á actual era tecnolóxica ou ao papel dos avós nas familias. Moitos dos contos, de feito, ligaban directamente o Nadal a estas figuras, e á súa lembranza.
Non tivo o xurado un papel fácil, mais si imprescindible para que o certame siga avanzando. Estivo integrado este 2024 polos docentes Ricardo Vigueret (Baio), María Paz Rodríguez (Vimianzo) e Luís García (Coristanco), así como polo delegado de La Voz de Galicia en Carballo, Xosé Ameixeiras Lavandeira, e a xornalista Patricia Blanco.
Os dez textos galardoados:
Antonio Candal Rey, do colexio Labarta Pose de Baio, polo conto «O burriño que quería ser un reno de Papá Noel».
Alba García Suárez, do colexio A Cristina de Carballo, por «A mellor familia do mundo mundial».
Olivia Álvarez Domínguez, do Labarta Pose de Baio, por «O mellor Nadal do mundo».
Vera Martínez Figueroa, do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee, por «O axudante».
Edurne Trillo Fábregas, do colexio Nosa Señora do Carme de Fisterra, por «Un desexo por Nadal».
Mateo Fernández Varela, do colexio As Revoltas de Cabana, por «Un álbum de recordos».
Sara Fernández Santos, do colexio Labarta Pose de Baio, por «O meu desexo».
Roi Barcelona Castiñeira, do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee, polo conto «O Nadal do meu avó».
Laura Cerviño Fuentes, do colexio Labarta Pose de Baio, por «Marius, o neno da guerra».
Sofía Domínguez Romero, do colexio Manuela Rial de Cee, por «O Nadal sen papá».