Poucas xornadas haberá no ano tan intensas coma esta: en Vimianzo entréganse os premios dos Contos de Nadal de La Voz, ás 12.00 horas
21 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A excepción dalgún día de verán, debe ser esta xornada de sábado de Nadal unha das máis intensas do ano na Costa da Morte. Vén así:
Carballo
Comezando polas propostas da parroquia, a cita de hoxe será o tradicional pregón de Nadal: ás 20.00, con Xosé Manuel e Icía Varela. Despois, recital de panxoliñas. Fóra do programa de Nadal, o Casino acolle ás 19.00 a presentación do poemario Do A ao X, do carballés Víctor Cebey López (Edicións Fervenza), Premio Avelina Valladares. E no tocante ao Nadal, segue o parque de xogos na carpa da Praza, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00. Papá Noel, tamén na Praza, recibirá aos nenos de 17.30 a 20.30. E Aspaber, finalmente, celebrará a súa Gala de Nadal, ás 12.00 horas no Pazo.
Cerceda
Baile no Moucho, de 19.00 a 22.00. No Campo da Feira cercedense, hai un buzón para deixarlle carta a Papá Noel ou Reis.
Zas
Ás 12.00, visita de Papá Noel ao centro sociocultural, na compaña do espectáculo infantil Dálle co pé, de Pulpiño Viascón. Ás 17.00, Noel andará pola praza Jorge Mira. Ás 20.30, no auditorio zasense, representación de O parvo, a nova obra de teatro de Badius. Hai que sumarlle a isto, de 19.00 a 22.00, a sesión de baile para maiores no centro sociocultural, co dúo Alborada, o os obradoiros no Allo, ás 16.00.
Cabana / A Coruña
Íntegro participará hoxe no mercado solidario de Nadal que promove a libraría Galgo Azul, na rúa Gramela da Coruña: de 103.0 a 14.00 e de 17.00 a 20.00. Cita singular a que promove, doutro lado, a asociación San Martiño de Riobó, un Poboado de Nadal nesta singular aldea de Cabana: das 17.00 en adiante haberá cantos de nadal, obradoiros infantís, gastronomía, artesanía, un belén vivinte, contos e cantarelas con Bea Campos e ata un concerto de Mamá Cabra.
Vimianzo
Logo da entrega de premios do concurso de postais, onte, hoxe chega outra entrega de galardóns: ás 12.00, na Casa da Cultura, os do certame Contos de Nadal de La Voz de Galicia. Antes, ás 10.30, acenderase o Cepo do Nadal na lareira do castelo. Seguen doutro lado os Cantos de Nadal de Trubisquiña: ás 17.30 na escola de Carantoña e ás 19.30 na Casa da Cultura de Baíñas. Tamén continúa aberta a pista de xeo da Praza —hoxe, de 16.00 a 23.00—, así como o Recuncho Gastronómico, hoxe dinamizado co concerto do dúo Caamaño&Ameixeiras: 21.00 horas, de balde.
Malpica
Raigañas promove un día de convivencia entre xente miúda, a base de obradoiros e xogos populares. Os nenos recibirán ademais a visita do Pendigueiro, que entregará os galardóns do concurso de coplas e debuxo: centro sociocultural das Pozacas, de 11.00 a 13.30. Doutro lado, ás 20.30 horas, terá lugar no centro cívico a cuarta edición da Foliada Cantos de Nadal, coas asociacións Raigañas, Carcaxía e Malante. Logo, ás 21.30, actuará Pesdelán, co espectáculo Foliada asalto.
Quedou aberto onte un Mercado de Nadal novidoso este ano. Continúa hoxe, na Sala da Camposa, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas. Artesanía variada e un bo ambiente festivo.
Cee
Ás 20.00, no auditorio, Certame de Panxoliñas organizado pola Coral Polifónica Costa da Morte. A agrupación estará acompañada pola Coral Polifónica de Noia. Tamén hoxe, e ata a noite de Reis, abrirá no primeiro andar do centro comercial Finisterrae o espazo solidario da ONG Égueire coa Costa de Marfil: artesanía, moda e tradición, de 10.30 a 13.30 e de 17.30 a 20.30.
Fisterra
É hoxe día de Mercado de Nadal na Fin da Terra, das 12.00 ás 20.30 na Praza da Constitución. Organizan Rapacollóns e Concello, e colaboran cos postos AECC, Casino, comisión do Cristo, Enredando e Aspadex. Haberá animación todo o día: música para nenos, O Rumbo, coros Virxe das Areas e Nosa Señora do Carme, @s do Berrón, A Tripulasión e Rapacollóns Big Band.
Ponteceso
Acolle a biblioteca ás 17.00 a presentación do libro Intelixencia artificial para a sociedade, de Fina Paulos e Óscar Rey. Na lareira da Fundación Pondal (O Couto), a esa mesma hora, lembrarase a Calixto dos Maravillas: «Gaiteiro e artesán, formal e de boa conversa, pertencía á familia dos Maravillas de Tella, alcume familiar que tomou para o seu coñecido grupo, Os Maravillas de Corme. Un artista dos que, dicían, facía falar a gaita».
Coristanco
De 10.15 a 18.30, percorrido polos cabanotes de Valenza, cantando matíns. Organiza a asociación Lourido. Piden aguinaldo!
Corcubión
Ás 17.00, no Cárcere Vello, presentación do proxecto Contos do Mar. Logo, paseo con audioguía e, ás 18.30, encontro na Capela do Pilar.
Laxe
Festival de panxoliñas ás 19.00 horas na igrexa Santa María da Atalaia. Media ducia de agrupacións.