Un cadro de Castelao estivo nunha casa de Caión durante varios anos da posguerra

Xabier Maceiras

CARBALLO

Castelao.
Castelao. Real Academia Galega

Crónicas da Laracha | Segundo conta Ángeles Souto, o intelectual galego regaloulle a obra ao que foi o seu oftalmólogo e bo amigo, Ángel Varela

07 ene 2025 . Actualizado a las 17:11 h.

Dedicámoslle as Crónicas da Laracha da pasada semana a Luis Varela Curbera, médico de Caión dende 1943 ata 1958, e para documentar ese texto contamos coa inestimable colaboración de Ángeles Souto Varela e de Maruxa Heras, neta e bisneta do doutor, que tiveron a ben contarnos moitas pinceladas dos seus devanceiros, e cedernos abondosa documentación da época na que Luis foi represaliado polo franquismo.

Pero Ángeles tamén nos falou dunha anécdota que nos parece de grande interese por coincidir estes días co 75 aniversario do pasamento de Castelao, finado en Buenos Aires tal día como hoxe, 7 de xaneiro, do ano 1950. E é que, segundo puidemos saber, un dos seus cadros estivo durante algúns anos na casa do Rueiro das Figueiras de Caión na que o médico Luis Varela Curbera residiu coa súa familia e deu consulta nos anos 50.

CEDIDA POR XABIER MACEIRAS

Segundo explica Ángeles, o intelectual regaloulle ao seu bisavó, Ángel Varela Santos, unha obra, pois «ademais de ser o seu oculista, eran moi bos amigos», relata. «Ese cadro permaneceu oculto en Caión durante moitos anos. Miña avoa, Estrella, soubo del despois de morrer meu avó, Luis [o médico]. A miña nai recorda que o cadro estaba no faiado da casa de Caión e que era como unha paisaxe cunha escalinata na que cre que había nenos. Ten un vago recordo del porque, claro, hai moitos anos diso. Ela era moi pequena. Parece ser que no faiado había dous cadros e durante un tempo pensaron que os dous eran de Castelao, pero ao final sóubose que só era un. No Museo de Pontevedra acreditaron que esta obra era, efectivamente, del», conclúe a muller.

Le neste enlace o artigo completo no blog de Crónicas da Laracha.