Insostibilidade

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

Ana Garcia

20 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Este ano amplíanse as zonas de baixas emisións nas cidades galegas. Iso implica que a meirande parte do parque automóbil antigo non poida acceder ás urbes. Tamén serve de gran incentivo para a compra de eléctricos ou híbridos. Parece que ter un coche vello non é sostible. Consumir un novo e botar o antigo a despezar si é valentía.

Os eléctricos tampouco son coches verdes, debería haber unha maior transparencia para o consumidor. As baterías que usan son pesadas, proceden moitas veces de países explotados na súa riqueza mineral e teñen unha difícil reciclaxe posible. Asemade, a pegada de carbono non é pouca. Cada recarga non sempre procede de electricidade producida con renovables, ben sexa eólica ou solar. Ás veces, procede de centrais nucleares, térmicas ou ciclos combinados de gas. O mundo da electricidade e da especulación daría xa para un artigo máis longo.

Dende logo, a chegada de eléctricos chineses, con prezos baratos e dubidosa obsolescencia programada incide na problemática de que queremos coches bonitos aínda que duren pouco. Cambiar por consumismo irracional de vehículo. Véndennos que iso é máis verde que aproveitar un coche diésel de quince anos, ítems que cada día as Administracións perseguen con máis alento. A cousa é ben sinxela, nin demonizar un modelo nin idealizar outro porque ningún deles é sostible cen por cen.

Oxalá se apostase por reducir. Por ofrecer transporte público e de calidade, que chegase a cidades e vilas, ata a máis pequena das parroquias. Potenciar bicicletas, non coller o coche para viaxes de dous minutos podendo camiñar. Eses pequenos xestos que, en millóns de persoas, darían un cambio.

Moitos coches, pouco planeta Terra.