
Acollerán presentacións as vilas de Ponteceso, Corcubión e Muxía, entre hoxe e o sábado
30 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O inverno é bo tempo para buscar refuxios nos libros e, por tanto, tamén nas presentacións literarias. Hoxe mesmo haberá oportunidade de facelo na libraría A Tenda dos Libros de Ponteceso, onde ás 20.00 horas se poderá coñecer máis polo miúdo a obra Os cómaros da vida: diarios 2020-2022, do coristanqués Xosé Antonio Andrade. Edita Espiral Maior, cuxo director, Fernán Vello, estará presente na cita, ademais do propio autor e o historiador e docente Luís Giadás. Organiza a casa editora e o colectivo Ponteceso Cultura Permanente.

Para o sábado ás 12.00 horas, doutro lado, programou a Peña Deportivista de Corcubión a presentación da obra Balóns a Corveiro, do fisterrán Gabriel Riveiro, Bebeto, que segue por tanto coa súa xira logo de pasar por Fisterra ou por Cee. Juan Manuel Traba, exxogador deportivista, acompañará a ao autor e tirará tamén de lembranzas sobre o Dépor dos anos 80. A cita, prevista na Capela do Pilar de Corcubión, incluirá un faladoiro sobre o fútbol local e mesmo a actuación dunha charanga unha vez rematada a presentación: A Tripulasión.

Dará continuidade o Concello de Muxía finalmente —e velaquí a terceira cita— ao programa Lendo Lendas, na biblioteca municipal Santiago Rey Fernández Latorre. Será este sábado ás 18.00 horas, e a obra elixida para iniciar febreiro é Cuniupuyara, de Justo Calviño Cruz. «É unha obra de gran carga social que aborda temas como a miseria, o racismo, a antropofaxia, a superstición, as enfermidades ou os abusos sufridos por poboacións indíxenas», traslada o Concello. Tamén é novela de dignidade, filantropía, amizade e solidariedade, con marcado carácter feminista.