Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Todo o que poderás facer esta fin de semana na Costa da Morte 

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Diego Seixo

Non faltan plans para os vindeiros tres días: lingua e literatura, teatro, música, gastronomía de entroido... Propostas para todos os gustos

21 feb 2025 . Actualizado a las 20:08 h.

En menos dunha semana botarán a andar algúns dos actos centrais do entroido na Costa da Morte. De mañá en sete días xa haberá algún que outro concurso, non queda nada. Facendo máis amable a espera, vén para as vindeiras horas unha completa axenda que pasa por lingua e literatura, por música, por teatro, por divulgación ou, como non, tamén por gastronomía propia deste tempo. Alfredo Brañas, Rosalía de Castro e Eduardo Pondal terán destacado protagonismo nas vindeiras xornadas, e para mostra o intercambio de mocidade organizado polos Concellos de Muxía e Ponteceso, xunto coa Fundación Pondal e Horta Creativa, do que se pode obter máis información nesta entrevista.

De aquí a que acabe a semana, haberá baile para os maiores en alomenos catro localidades, e tamén tempo para practicar a solidariedade. No ámbito da dramaturxia, dúas citas, ou máis, ben destacadas, o paso de Ibuprofeno Teatro por Carballo ou a estrea do espectáculo Sol Fuerza, con aAntena, e que suporá o debut, en Vimianzo, da porteña Virxina Bermúdez. De cara a reservar ocos e facer plans, quedan esquematizadas as propostas como segue:

Unhas cantas presentacións, tributo a Alfredo Brañas e a Rosalía de Castro

A proximidade do 23 de febreiro, Día de Rosalía, marca parte da axenda, na que tamén se inclúen varias citas ligadas á literatura e lingua:

Carballo • «Galizan Nation» • Acolle hoxe ás 20.00 horas a galería Espiral Maior Foro de Carballo a presentación da novela Galizan Nation (uma distopia kpop), da autoría de Isabel Rei Martín, profesora no Conservatorio de Santiago e investigadora do campo da musicoloxía. Estará acompañada polo docente Xavier Canosa, a activista Eva Patinho e o director e editor Miguel Anxo Fernán. Ofrecerá Isabel un breve recital de «guitarra galega».

Carballo • Memoria de Alfredo Brañas • Conmemorando o 125.º aniversario da súa morte, instituto Alfredo Brañas, Concello de Carballo e Lumieira organizaron para hoxe ás 12.00 unha nova homenaxe ao escritor e xurista. Será ao pé da súa casa natal e escultura, na rúa Coruña.

Ponteceso • Día da Lingua Materna • Neste 21 de febreiro, Día Internacional da Lingua Materna, as equipas de Normalización Lingüística, en colaboración co Concello de Ponteceso e a Fundación Pondal, organizan unha actividade para promover o galego entre os máis pequenos. Alumnado do instituto visitará varios centros ao longo da mañá —CRA, A Galiña Azul, colexio Eduardo Pondal e As Forcadas— para buscar nos nenos un uso e respecto pola lingua propia, transmitíndolle o seu valor. A actividade leva por lema Falade miniñas, falade galego, versos do bardo pontecesán.

Mens (Malpica). «Cantareiras». Chegan, ou volven. Ou comezan a xirar. Todo é correcto. O libro Cantareiras, dos malpicáns Xosé Manuel e Icía Varela, comeza a súa xeira de presentacións, con permiso da xa levada a cabo con escolares no colexio Milladoiro. Cantareiras, baixo o selo de Xerais, sae ao fío das Letras Galegas, este ano dedicadas á poesía popular oral a través da figura destas mulleres e, particularmente, de sete nomes, entre os que están catro das Pandeireteiras de Mens. É por iso que a presentación deste sábado 22 (18.00 horas, acceso libre ata completar aforo) será tan especial, no propio epicentro. Cantareiras darase a coñecer nunha cita programada na igrexa románica desta localidade malpicá —o templo Santiago de Mens—, e nela non só estarán os autores, senón tamén José Manuel Fernández, presidente de honra da agrupación Aturuxo, da que formaron parte as Pandeireteiras; Valentín García, secretario xeral da Lingua; Noelia Freijeiro, concelleira de Cultura, e Eduardo Parga, alcalde de Malpica. Contarase ademais coa totalidade de familias do grupo de bailadores e pandeireteiras. A actividade, para o Concello malpicán, marcará o inicio dun amplo programa das Letras Galegas que se desenvolverá ao longo do ano, con peso das Vellas da Mens. 

Muxía • Dobre parada • Hoxe, na biblioteca municipal, presentación da obra Intelixencia artificial para a sociedade, de Fina Paulos e Óscar Rey: 20.00 horas, organiza a asociación Xervasio Paz. Tamén na biblioteca, pero mañá, continuará o programa municipal Lendo Lendas, cunha cita ás 19.00 horas en torno á obra Aprendendo a vivir. Nos dous casos, de balde.

Cee • «Poemas» • A filóloga Julia Ures presenta hoxe ás 19.30 na biblioteca Francisco Mayán a súa obra Poemas, tradución de versos de Eduardo Pondal. É unha edición en formato bilingüe, saída á rúa coa editorial Polibea.

O Couto (Ponteceso) e Malpica • Caldo de Gloria • Tributo a Rosalía de Castro coa preparación deste prato que ela levou aos seus versos. No Couto, mañá ás 19.30 na Casa dos Veciños, e en Malpica servirase este domingo a xeito de tapa, nos bares inscritos.

Ana Garcia

A Laracha • «Cantamos con Rosalía?» • Conmemoración do 23 de febreiro, Día de Rosalía, neste caso o propio día, xusto 188 anos despois do seu nacemento. Na Casa da Cultura larachesa, ás 12.00 do domingo, espectáculo Cantamos con Rosalía?, para público infantil e familiar. Correrá a cargo do artista Luís Vallecillo, e a entrada será libre e gratuíta: 50 minutos ben participativos.

O teatro fai parada en Carballo, Vimianzo, Ponteceso, Coristanco e Cerceda

Hai cando menos cinco citas para as vindeiras horas:

Carballo • «Reconversión», de Ibuprofeno Teatro • Avanzan os Venres Teatrais no Pazo da Cultura de Carballo. Hoxe, ás 21.00, con entradas a 9 euros (5 a reducida), subirá ao escenario a peza Reconversión, da compañía galega Ibuprofeno. É esta a historia do pai do autor do texto, José Cortegoso, un exercicio de memoria histórica arredor do sector naval na ría de Vigo. Desenvólvena oito actores-músicos, nunha viaxe dende a posguerra ata os 80, e dende a sociedade rural á capitalista.

Vimianzo • «Sol Fuerza», de aAntena • Mañá, sábado, tarde de estrea na Casa da Cultura de Vimianzo. A compañía aAntena, con actores locais como Virxinia Bermúdez no seu elenco, ofrecerá a primeira representación ao público de Sol Fuerza: 20.30 horas, entradas a 5 euros.

O Couto (Ponteceso) e Coristanco • «A voltas co morto», de Sen Tempo Teatro • Ten dobre cita esta fin de semana Sen Tempo Teatro, grupo de adultos da Escola Municipal de Zas. Representarán A voltas co morto mañá na Casa dos Veciños do Couto (20.00, nova hora) e o domingo ás 17.15 no Edificio de Servizos Múltiples de Coristanco.

Cerceda • «Brincadeiras da lingua» • O domingo, ás 12.00 horas, no auditorio de Cerceda. Público familiar.

Un festival, un concerto, un bo número de bailes e ata regueifa por Muxía

Algo de todo para ir elixindo:

Brens (Cee) • Festival solidario • Mañá, ás 18.30 horas, na Casa da Cultura de Brens. Promove ADC Brens, coa colaboración de Concello e Cáritas, oenegué á que se doarán os alimentos recadados entre os asistentes. Actuarán Álex Castro e Tomás Lagoa, As Rinchonas, As Pandeireteiras de Toba e de Lires e o grupo folk Ghandaina.

Cee • Baile social • Os sábados son días de baile en Cee (salón de actos do Concello, 19.00) ou en Zas (centro sociocultural, 18.00). Este tamén o será no centro social de O Moucho (Cerceda), ás 19.00 horas. O domingo, en Carballo, no mercado: 18.00.

Muxía • Regueifa • Mañá, ás 20.00, no salón de actos de Muxía: organiza a comisión de festas de Coucieiro. Os grandes protagonistas: Suso de Xornes e Lupe Blanco.

Corme Porto • Concerto de Juego Sucio • Mañá, sábado, a partir das 23.00 horas, no bar-cafetería Faro Roncudo.

Ana García

Dúas citas coa divulgación e moitas co entroido

Está petando o entroido na porta, e iso reflíctese na axenda. Divulgación e gastronomía completan a axenda para este fin de semana:

Carballo • Charla de Teresa Búa • Hoxe, na radio escolar do colexio Gándara-Sofán, ás 10.00 horas. Teresa Búa Zaché é xurista, e diso conversará cos rapaces, tamén dende a súa perspectiva de xénero. É, ademais, carballesa.

Carballo • Conversas do Rural • Pecha Senda Nova este seu ciclo, hoxe cunha nova parada, ás 19.00 horas, no Espazo da Natureza de Oza. Intervirá Cosme Damián Romay, biólogo e tamén membro de Hábitat: Dez problemas que ocasiona o eucalipto na nosa terra.

Vimianzo • Entroido en Castromil • Mañá, no salón parroquial de Castromil, ás 20.00, organizado pola asociación Neira Marcos. Gastronomía, teatro con Teté e disfraces.

Varias localidades • Encontros culinarios • O Fogar do Pensionista de Corme organiza para mañá unha churrascada (21.00 horas). Tamén mañá, a asociación Campal levará a cabo o seu III Cocido Campal no restaurante Canta la Rana de Buño (14.30), con premio para os mellores disfraces. Sesión vermú ás 13.30 e xantar ás 14.30: estes son os horarios, mañá, da I Festa do Cocido da asociación de veciños de A Agualada (Coristanco). Tamén será a primeira Festa do Cocido para a comisión de Gándara (Zas): mañá, 14.30. Ás 14.00, no Cuatro Perras, botará a andar outra primeira edición, a Laconada da Peña Deportivista de Corcubión.