
Contaba unha ocasión Cándido Fuentes, un veciño de Baio, que no seu día xogou ao fútbol alá polos anos 50 ou 60, que estando no campo de A Ponte do Porto, un compañeiro púxose a rezar antes dun partido. El, estrañado, díxolle: «Anda, ho!, tampouco fai falta rezar. Está ben gañar, pero non é para tanto». E vai o outro e respondeulle: «Non rezo para gañar, rezo para que non nos peguen». Eran tempos nos que un partido podía acabar nunha batalla campal. Así que non sería a primeira vez que os corresen a pedradas. Son míticas as lendas de afeccionados correndo a golpes de paraugas a xogadores e contrincantes. Hai uns anos, contábanse estas anécdotas nos bares e conversas de café na Costa da Morte. Acontecementos que xa pensabamos que pasaran á historia. Non entanto, e como vemos noutros eidos da vida social e política, un ten a sensación de que estamos percorrendo o camiño cara atrás en moitos comportamentos, onde a ética, a cultura, a tolerancia, o respecto e o espírito olímpico cotizan á baixa, cando non están en franco retroceso e as actitudes violentas, racistas, machistas, xenófobas ou homófobas están á orde do día. Un exemplo viuse a pasada fin de semana no partido de Cances, entre membros do equipo local e os do Deportivo Lima. Houbo una pelexa entre xogadores e algún afeccionado. E con rapaces vendo o lamentable espectáculo, como unha lección nefasta que nunca deberían aprender. A sociedade organizadora do campionato expulsou aos dous equipos da competición. E fixo ben. O deporte é para gozar a vida, non é violencia. Un debe saber elixir en que equipo vai xogar: o da alegría ou o da tristeza.