O Consello da Cultura Galega destaca o FIOT en tres aspectos do seu barómetro

La Voz

CARBALLO

Estrea, no FIOT 2024, do espectáculo «Mulleres que viven soas», de Berrobambán
Estrea, no FIOT 2024, do espectáculo «Mulleres que viven soas», de Berrobambán BASILIO BELLO

Na súa historia, o festival carballés acolleu máis de 350 formacións e artistas con nomes tan salientables no panorama galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Carmen Machi, Leo Bassi, Ron Lalá, Titziana, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô uo Lola Herrera, entre outros.

06 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Consello da Cultura Galega vén de publicar o seu barómetro anual e o FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo) ocupa o posto 31 da clasificación global como a terceira actividade de artes escénicas mellor valorada e o primeiro festival de teatro de Galicia. Deste xeito, o FIOT segue a sumar recoñecementos tras ser distinguido no mes de xaneiro como o cuarto mellor proxecto cultural galego do 2024 polo Observatorio de la Cultura, da Fundación Contemporánea.

Por sectores, as artes escénicas sitúanse no quinto lugar por detrás das institucións da cultura e acadan un 13,8 % das mencións totais. Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco, máis o seu espectáculo Somos criminais e punto final son os máis citados. O FIOT de Carballo é o seguinte, cun 1,1 %.

Dende o propio festival aseguran que tanto pola súa traxectoria como pola calidade da programación e a variedade das propostas están entre os máis importantes de Galicia e é todo un referente durante o outono, cun mes completo de programación, máis de 35 espectáculos e ducias de actividades paralelas.

Está organizado dende hai 33 anos pola Asociación Cultural Telón e Aparte e dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e tamén de creadores emerxentes, máis especialmente busca atraer novos públicos.

Na súa historia acolleu máis de 350 formacións e artistas con nomes tan salientables no panorama galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Carmen Machi, Leo Bassi, Ron Lalá, Titziana, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô uo Lola Herrera, entre outros.

Ao longo da súa traxectoria tivo diversos recoñecementos como o Premio Galego do Ano, no 2018, cando acadou tamén o da Cultura Galega no ámbito das artes escénicas.