
Promove as iniciativas o Concello de Zas, co apoio de comunidade educativa e Badius
15 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Este 2025 e no mes de maio, particularmente, Galicia enteira festexerá polas cantareiras, con sete nomes propios, todos da Costa da Morte, aos que se lle dedican as Letras Galegas. Non puido ser o recoñecemento para Enrique Labarta Pose —a reivindicación segue adiante de cara a vindeiros anos—, mais iso non quita que o Concello de Zas teña preparado para maio, e incluso xa antes, un completo programa de actos de cara a homenaxear ao seu ilustre veciño baiés. O 13 de maio é unha data ben sinalada, en tanto que se cumprirían este 2025 cen anos da morte de Labarta, polifacético escritor. Promove as actividades o Concello de Zas, a través do seu departamento de Cultura, coa colaboración da comunidade educativa e do grupo de teatro Badius.
Inicio o 26 de marzo
Non haberá que esperar ao mes das Letras para darlle comezo ás iniciativas. Xa este 26 de marzo chegará a primeira, coa lectura da obra O segredo do Tío Sanfona, que correrá a cargo do alumnado do IES Maximino Romero de Lema no programa de radio escolar que acollerá Vimianzo con motivo do 30.º aniversario de Ponte... nas Ondas! Tamén gravarán en podcast o conto A compaña. Xa en abril, instalaranse nas principais rúas de Baio e Zas unha exposición conmemorativa cunha escolma de poemas de Enrique Labarta.
Seguindo co almanaque de propostas, a seguinte chegará o 23 de abril, cadrando co Día Internacional do Libro. Para esa xornada está previsto o contacontos O poeta do pobo, con paradas no CPI de Zas (10.00 horas) e no CEIP Labarta Pose (11.30): diso ocuparase Polo Correo do Vento, autores por certo do primeiro libro infantil en torno a este baiés pioneiro.
Actos centrais, o 13
Para o 13 de maio, por outra banda, quedará un dos actos centrais desta programación especial deseñada co Concello de Zas. Como xa se dixo, coincidirá co día do seu falecemento hai un século, e levarase a cabo a partir das 11.00 horas na Praza Jorge Mira de Baio. Alí descubrirase un monumento e realizarase un acto simbólico do seu enterramento, cunha ofrenda floral e tamén a lectura do poema Que me enterren aló. Neste último apartado participarán escolares do CPI de Zas, do colexio Labarta Pose e do IES Maximino Romero.
Escenificación de obras súas
Ben especial será tamén a cita do domingo 25 de maio no auditorio de Baio. Alumnado do colexio Labarta Pose interpretará as obras O tío Sanfona, A lingua pequena e Falade galego!, mentres que o grupo de teatro Badius fará o propio con Unha boa misa. Todas elas son algunhas das obras de teatro máis relevantes escritas polo propio Labarta Pose. Destaca, pois, a implicación da comunidade educativa, máis aínda tendo en conta que durante a Semana Cultural que organiza o instituto se levará a cabo un roteiro polos espazos bibliográficos e literarios que marcaron a historia do escritor.
Musicalización
Non será cousa dun día nin dous esta programación, que ten vontade de transcender de cara ao futuro. Para mostra, o feito de que o grupo de música local Sidhe estea a traballar estes meses na musicalización da obra poética de Labarta, «que pronto poderemos escoitar», avanza o Concello de Zas. Dende o consistorio lembran que están a facer «un intenso labor» de posta en valor da obra e figura do baiés «co fin de que se lle dea o seu recoñecemento e que a Real Academia lle conceda o seu propio Día das Letras Galegas». Hai unha comisión traballando para isto que acumula xa máis dun cuarto de século de tarefa. Quen sabe se, para o 2026, poderá finalmente ser.