
Levo meses pensando en que faltaba pouco tempo para os cinco anos da declaración do estado de alarma. Estou segura que poden pasar décadas e da miña memoria nunca marchará aquel trece de marzo do 2020. Aquela xornada quedou impregnada en min coma un día convulso, cheo de medo e incerteza, de devires persoais e profesionais. Non obstante, a efeméride deste xoves pasoume sen pena nin gloria. A plasticidade da mente humana fai que esquezamos con facilidade o terror, o medo e a fraxilidade que amosamos todos durante aqueles días. Por iso, a pandemia non nos fixo mellores. Volver ás nosas vidas volveunos a acelerar, a vivir para traballar e a ser egoístas. Os que quedaron atrás apenas se recordan, aqueles que morreron en soidade, padecendo por inhalar aire, non son máis ca cifras. Algúns aínda pensan que o virus foi unha invención, unha quimera ou un soño de Dalí.
Como humanos non queremos sufrir e este é o mellor exemplo. Preferimos esquecer a padecer e é moi lícito. Oxalá non volvan os días escuros, as máscaras tupidas, os silencios prolongados e as rúas baleiras por antonomasia. Polo menos, que non se lucren os mesmos de sempre, ca compra de máscaras, ca mala xestión das residencias. Non esquezamos xamais que morreu na pandemia unha das xeracións máis loitadoras, aquela que naceu na guerra e sufriu os maiores feitos acontecidos nos derradeiros cen anos: unha ditadura, unha transición e un mundo onde traballaron para sacar adiante as súas familias con suor e bágoas. Que nunca esquezamos aqueles rostros que foron as verdadeiras vítimas dunha enfermidade que oxalá non volvamos replicar. Cinco anos, cinco vidas que parecen ter pasado neste transo de apenas un lustro e uns días.