Circo, control da tensión e algunha outra cita para este xoves na Costa da Morte
CARBALLO

Axenda | Variado vén o menú deste 20 de marzo, con varias citas de interese en Carballo ou en Baio
20 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Xoves 20 de marzo e ademais da proxección do documental Dorothé na Vila en Carballo —ver aquí—, estas citas:
Carballo • No amplo aparcamento da rúa Carlos Casares empeza hoxe, e seguirá ata o domingo, unha fin de semana de risas, familiaridade e nostalxia. Volveu o circo a Carballo, e faino da man dun profesional como é Gaby Aragón, fillo do pallaso Gaby e sobriño dos queridos Fofó e Miliki. A sesión inaugural será esta tarde, ás 18.30 horas, con entradas a partir de dez euros. Poden conseguilas na plataforma ticketrona ou ben fisicamente, na billeteira do circo, dende as 17.30.
Carballo • Alumnas do curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes que se leva a cabo no Fórum carballés inician hoxe unha nova campaña: Mantén a tensión baixo control. Entre as 10.00 e as 13.30 horas, na Praza do Fórum ou no interior se chove, realizarán controis de tensión arterial e de glicosa en sangue. Pode achegarse quen así o desexe, sen custe ningún.
Zas • No Día da Narración Oral, Migallas Teatro leva ao auditorio de Baio un contacontos para bebés de máis dun ano. Con acceso de balde, ás 18.00 horas, organiza a cita o Concello.
Cerceda • La Administración cerca de ti: este é o título da sesión que acollerá hoxe o viveiro de empresas de Cerceda (11.00 horas), da man da Subdelegación do Goberno. Asesoramento con trámites, dúbidas e xestións habituais... Pode consultar se aínda está a tempo de participar a través do teléfono 881 981 553.