Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«586 cantos» e moito máis para este venres na Costa da Morte 

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Varias localidades conmemoran tamén o Día da Árbore, caso de O Couto (Ponteceso) ou Coristanco

21 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Ademais da cita teatral en Caión —ver aquí—, un bo número delas hoxe na Costa da Morte:

Carballo • 586 cantos, espectáculo musical e audiovisual producido dende o Museo do Pobo Galego, chega hoxe ás 21.00 ao Pazo da Cultura de Carballo, parte dos seus Venres Culturais. Sobre o escenario, os artistas Richi Casás, Tania Caamaño, Fran Barcia e Marina Vidal, reinterpretando dende a actualidade algúns daqueles case 600 cantos recollidos por Dorothé Schubarth e Antón Santamarina hai máis de 40 anos. Na pantalla, un traballo dos cineastas Laura Piñeiro e Fran Rodríguez. Entrada: 5 euros. En abilleteira.carballo.gal ou no Pazo dende as 20.00.

Carballo • Logo da estrea de onte, hoxe ás 18.30 horas toca un novo pase do Circo Inimitable, con Gaby Aragón á fronte (ver páxina 8).

Cerceda • Isabel de la Iglesia, veciña cercedense, presentará hoxe o seu libro Poemas encerrados na biblioteca municipal. Será ás 20.00, polo Día da Poesía.

O Couto (Ponteceso) • Plantación de froiteiras na horta da Fundación Pondal: ás 12.00 horas, conmemoración do Día da Árbore. Coa colaboración do CIAM de Mabegondo, alumnado de Fonteboa da man de Amancio Lavandeira e asistentes tamén ao curso de poda e enxerto que se ten impartido. No encontro tomarán parte ademais escolares do colexio Eduardo Pondal. Doutra banda, mocidade das Aulas Científicas e mocidade muxiá retoman o proxecto de convivencia.

Coristanco Ás 16.30 horas, na biblioteca, concerto e narración a cargo de Pakolas: Ecoralia, a lambona ecolóxica. En conmemoración do Día da Árbore, haberá tamén unha plantación simbólica, á que se invita a acudir a todas as familias.

Muxía • Conversa con Eva González, nutricionista, sobre autocoidado e necesidades nutricionais en cada etapa da muller. Ás 17.00 horas, en Servizos Múltiples, como parte da programación municipal polo 8M.

Doazón de sangue na Praza da Laracha

Hoxe • Para este venres está previsto que se desprace á Costa da Morte unha unidade móbil para a doazón de sangue. Será a única visita desta semana á comarca. Poderá participarse deste xesto solidario na Praza do Concello da Laracha, onde a unidade móbil prestará servizo de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas, mañá e tarde. Non é preciso cita previa, tan só achegarse. Sempre se precisan reservas.