La Voz de Galicia incentiva a creación literaria coa oitava edición de Contos de Primavera

M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

<span lang= gl >O director de La Voz de Galicia, Xosé Luis Vilela, co gañador do ano pasado, Pablo Velay</span>
O director de La Voz de Galicia, Xosé Luis Vilela, co gañador do ano pasado, Pablo Velay BASILIO BELLO

Mozos de secundaria da Costa da Morte poderán participar ata o 25 de abril

23 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ano máis La Voz de Galicia e Radio Voz, co apoio do Grupo Calvo, convocan aos mozos da Costa da Morte para que poñan a proba as súas dotes literarias nunha nova edición, a oitava, do certame Contos de Primavera.

Rapaces que cursen estudos de Educación Secundaria en calquera centro das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, así como do municipio de Cerceda, poderán sumarse a este concurso, que ten por obxecto descubrir e fomentar o talento literario, así como espertar a imaxinación entre os rapaces.

Para sumárense, estes deberán presentar un relato inédito, escrito en galego e cunha extensión de non máis de 2.000 caracteres. En canto á temática, os contos que remitan han de versar sobre algúns dos aspectos paisaxísticos, históricos, etnográficos ou patrimoniais que distinguen á Costa da Morte. Na última edición, por exemplo, resultou gañadora a historia dunha muller fareira de Fisterra. Pablo Velay Vázquez, estudante do CPR Manuela Rial Mouzo de Cee, foi o autor.

Os relatos dos rapaces que desexen participar serán enviados polo propio colexio, correctamente identificados, a través do enderezo electrónico eventos.carballo@lavoz.es antes do vindeiro 25 de abril. No documento que conteña o texto indicaranse os datos do autor (nome e apelidos, idade e curso), os do mestre que supervise o traballo (nome e apelidos) e os do centro educativo do que proveña (nome, enderezo e teléfono). Así mesmo, os menores de 14 anos deberán xuntar unha autorización asinada polos seus pais ou titores legais.

Unha vez finalizado o prazo de participación, un xurado lerá e valorará os textos recibidos, resultando finalistas as dez historias que obteñan unha mellor puntuación. Os autores dos devanditos relatos recibirán un diploma e verán as súas creacións publicadas nestas páxinas. En canto aos tres primeiros clasificados, estes recibirán a maiores un obsequio e darase lectura aos seus relatos en Radio Voz Bergantiños.

Durante o mes de maio, nunha data aínda por determinar, terá lugar unha cerimonia de entrega de premios na que se recoñecerá aos dez finalistas.