
O centro ten organizada para este luns unha interesante actividade, que farán chegar tamén ao concurso de Voz Natura
23 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Continúan nos centros educativos as actividades que nutren e consolidan o programa Voz Natura de La Voz de Galicia. Así, mañá, luns, e dentro das iniciativas do taller de biodiversidade/horta do instituto Isidro Parga Pondal de Carballo, levarase a cabo unha xornada de mostraxe do solo e vexetación. Vai dirixida ao alumnado que durante todo o ano participa de xeito activo no taller, e prolongarase entre as 08.30 e as 14.00, repartíndose como espazos o patio do instituto e o laboratorio de bioloxía. Por tanto, todo sen saír do centro.
Para a realización desta xornada, segundo deu traslado o IES, contarán coa colaboración de Manuel Pimentel Pereira, profesor de botánica da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña (UDC), quen explicará de xeito práctico como realizar unha mostraxe por transectos ou como identificar algunhas das especies de musgos, liques e algas que se atopen nas mostras. A xornada formará parte do proxecto do centro que leva por nome Ecovixías do solo, que trata de analizar e valorar a calidade do solo e da cobertura vexetal existente no instituto. Así, os datos recollidos na xornada de mañá serán enviados a dous proxectos científicos: Vigilantes del suelo e La piel viva del suelo, a cargo de investigadores de varias universidades e institucións que os incorporarán ás súas bases de datos para coñecer mellor o estado de saúde dos solos. Doutro lado, dende o propio Isidro Parga Pondal farase unha pequena análise de datos aplicando o método científico e iso presentarase como proxecto ao concurso de Voz Natura Ciencia que coida e preserva. Pendentes do tempo ata este pasado venres, por se había que adiar a cita ou non, en principio todo apunta a que poderá levarse a cabo esta xornada de investigación sen maior dificultade.