Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Cabanas levantadas con madeira de batea reciclada e que presumen de excelencia na eficiencia enerxética

Antón Lestón Lago
a. lestón CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

CARMELA QUEIJEIRO

Ecovoz 2025 | Antonio Gago puxo en marcha as Cabañas Rías Baixas na Pobra do Caramiñal hai dous anos

24 mar 2025 . Actualizado a las 13:26 h.

«O mellor amencer sobre a ría de Arousa» vese dende unhas cabanas que veñen do mar. Así o asegura Antonio Gago, xerente e impulsor das Cabañas Rías Baixas, que naceron na Pobra do Caramiñal, e máis concretamente do lugar de A Crocha. O de que son edificacións que veñen do mar non ten nada de poético, pois están revestidas de madeira reciclada das bateas ás que agora observan dende o alto.

Gago puxo en marcha o proxecto hai dous anos. «Son as primeiras cabanas que teñen cualificación enerxética A, a máxima», explica sobre a sostibilidade pola que xa foron premiados no pasado Fitur. «Eu e meu socio, Carlos Martínez, queriamos facer algo relacionado co turismo, pero facendo as cousas mellor para impactar o mínimo posible na natureza e intentar asentar poboación aquí», indica o xerente. Foron eles mesmos os que deseñaron as cabanas coa intención de que fosen o máis eficientes posibles no eido enerxético.

«Facemos uso da aerotermia ou biomasa para elevar o confort térmico e temos ausencia de aire acondicionado. Témolo medido que cando aquí pega o sol e hai 39 graos, nas cabanas estase a 22», sinala Gago. E iso nótase tamén nas contas económicas. O consumo enerxético dunha habitación de hotel estaba o ano pasado nun custo de 183 euros ao mes. As cabanas, de 40 metros cadrados, non chegan aos 23 euros ao mes. En termos absolutos, supón unha redución próxima ao 700 %.

A idea de reciclar a madeira das bateas, di Gago, foi unha forma de engadir valor integrándose na paisaxe: «Ao final de aquí sae boa cantidade do mexillón que se exporta a nivel nacional e europeo, polo que nos interesamos en darlle unha segunda vida a esa madeira que pasou 25 anos no mar».

O seu proxecto causou furor e xa os chaman para construír estas cabanas ata de Portugal. Non obstante, el cree que esta aposta pola sostibilidade no turismo está cada vez máis asentada en Galicia. «Cada vez imos tomando máis conciencia de que non vale todo, e dende fóra están valorando cada vez máis a nosa forma de actuar», resalta Antonio. Nas cabanas de A Crocha, ademais, reciben visitantes todo o ano. De Frankfurt ou Amsterdam, que buscan un entorno rural para traballar, e iso asegúrallo ca mellor conectividade posible, pois gozan de fibra. Tamén destaca o seu punto para recargar vehículos eléctricos. «Hai que facer as cousas con sentidiño», conclúe.