A axenda de hoxe, mércores 26 de marzo, na Costa da Morte

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Radio escolar no CEIP Gándara-Sofán
Radio escolar no CEIP Gándara-Sofán

Espectáculo infantil en Carballo, maratón radiofónico en Vimianzo, charla sobre dano cerebral en Cerceda...

26 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Avanzamos na semana coa seguinte programación cultural e social:

Apego · Continúan as actividades do programa Apego, hoxe co espectáculo Máis música!, de Xabi Longueirón, para nenos de 2 a 6 anos de idade. Será nas escolas do Xardín Agra de Caldas, ás 17.00 e ás 18.30.

Vimianzo · O auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo é un dos lugares elixidos pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas Ondas! para a maratón radiofónica coa que hoxe festexarán o seu aniversario. Tratarase dunha xornada especial de radio escolar na que participarán alumnos de catorce centros educativos da Costa da Morte.

Baio · Coincidindo coa maratón radiofónica anteriormente citada, rapaces do instituto Maximino Romero de Lema de Baio darán comezo ao programa conmemorativo polo centenario da morte de Labarta Pose. Farano dando lectura á obra O segredo do tío Sanfona e gravando, en formato podcast, o conto A compaña. As actividades conmemorativas continuarán no vindeiro mes de abril.

Cerceda · Charla sobre dano cerebral adquirido no viveiro de empresas, situado no polígono industrial do Acevedo, ás once e media da mañá. Impartirá a federación Dano Cerebral Galicia.

Arteixo · Subscritores da edición de Carballo terán hoxe a oportunidade de coñecer as instalacións centrais de La Voz de Galicia en Sabón (Arteixo) nunha visita guiada que dará comezo ás cinco da tarde e para a que era necesaria inscrición.

Carballo · Derradeiro día para participar na vixésimo sétima edición do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, a través do cal o Concello de Carballo repartirá máis de 3.000 euros en premios.

Coristanco · O curso Fundamentos de Apicultura Práctica, que se está impartindo en Fonteboa e no que se están a abordar as técnicas para converterse nun apicultor competente, xa superou o seu ecuador. Hoxe, de dúas a seis da tarde, os participantes aprenderán sobre sanidade apícola, as principais enfermidades que padecen as abellas e o seguimento e control da varroa.