
Presentada a programación que acollerá ao longo deste 2025 o pazo máis antigo de Galicia
26 mar 2025 . Actualizado a las 19:46 h.O pazo máis antigo de Galicia, as Torres do Allo de Zas, ampliarán os seus horarios esta vindeira Semana Santa. Así, abrirán de 11.00 a 20.00 horas entre o 12 e o 20 de abril, con visitas guiadas diarias ás 13.00 e 17.00 e a opción do xogo de pistas O legado de Francisca: unha viaxe polo pazo para os máis pequenos. Será esa a primeira parada dunha completa programación cultural que este mércores deu a coñecer o alcalde, Manuel Muíño, e que se prolongará todo o ano, facendo do pazo «un referente cultural de primeiro nivel na Costa da Morte». Así o subliñou o rexedor, algo que é posible grazas ao convenio asinado coa Deputación da Coruña, titular das Torres, e mediante o cal o Concello de Zas destinará este 2025 máis de 25.000 euros ao financiamento de actividades.
Xogos, mostras, talleres
Do mes de maio destacará a recuperación da actividade Xornada do Xogo Tradicional (sábado 31), da man da Asociación Galega do Xogo Tradicional e Popular. Xa en xuño está prevista a inauguración dunha nova exposición temporal, Riobóo, a saga do Allo, dedicada á familia que edificou a primeira torre do pazo a finais do século XV.
Teñen xa tradición as Torres como espazo de obradoiros, e no horizonte hai varios. Un, o 19 de abril, para conmemorar o Día Mundial da Terra. Outro, o 17 de maio, para celebrar o Día das Letras Galegas. Un terceiro, o 22 de xuño, por San Xoán, e un cuarto e un quinto xa no Nadal, 20 e 21 de decembro.
O campamento Zas no Verán 2025 terá como epicentro este ben patrimonial, con actividades varias para os pequenos durante as mañás. Terá oco igualmente a música, con concertos como o do dúo Monifates. Volverán os domingos de xullo e agosto as visitas teatralizadas cos Quinquilláns, Lucho e Tero.
A romaría de San Ramón o 31 de agosto —artesanía, concerto de Unto Vello e de Cé Orquestra—, a cuarta edición da Xornada sobre o Liño no mes de setembro ou o Samaín, o 26 de outubro, completan este intenso cartel de cuxa presentación tamén tomou parte Leonardo González, coordinador das Torres. Sume a todo isto o xogo de escapismo que xa vén habendo hai uns anos, con nova narrativa e novos retos para público xuvenil e adulto.