Contos, danza, maxia e moitas outras propostas de domingo na Costa da Morte
CARBALLO

Carballo, Malpica, A Laracha ou Vimianzo acollen destacadas citas este 6 de abril
06 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Domingo sumamente intenso na Costa da Morte, con estas citas:
Mes do Libro, para bebés, na Laracha • Comeza o programa do Mes do Libro deseñado polo Concello larachés. Hoxe, no baixo da biblioteca, ás 12.00, contacontos para bebés de 0 a 3 anos, a cargo de Trémola Teatro: Pipo, o paxaro que non sabía voar. Acceso libre.
Danza en Carballo • Espectáculo Cometa, de Roser López Espinosa, para público infantil e familiar. Ás 18.00, no Pazo da Cultura, con entrada a 7 euros en billeteira.carballo.gal ou ben alí mesmo, dende 90 minutos antes. Logo de rematar a obra, os intérpretes dialogarán co público que se achegue. Avanza así a Primavera enDanza carballesa.
Maxia en Vimianzo • Avanza a Primavera en Familia no auditorio da Casa da Cultura. Ás 18.30, espectáculo Inherente, do mago Marcos Waldemar, descendente do mesmísimo Conde de Waldemar. Entradas en entradium.com, o ben na propia Casa da Cultura, se quedan, dende as 17.30.
Artesanía no Couto • Días Europeos da Artesanía: obradoiro presencial de modelado de barro impartido por María Canedo e Eloy Mancebo, do Obradoiro Feituras (Buño). Entre as 10.00 e as 14.00, na sede da Fundación Pondal.
Limpeza de praia en Langosteira (Fisterra) • Promove APTCM baixo o seu programa Temporada de Mar, coa entidade Mar de Fábula como coordinadora. Quedada ás 10.30 horas.
Centenario do Cristo da Agonía en Corcubión • Como acto da conmemoración, retransmisión da misa pola canle autonómica dende a igrexa parroquial de San Marcos: 10.00.
Baile de maiores en Carballo • De 18.00 a 21.00 horas, no mercado municipal, amenizado por Rocío Pérez.
Macramé no Casino carballés • Remate dunha fin de semana intensa. Ás 10.00 da maña, obradoiro de macramé con Nuria. Require de inscrición previa.
Primavera en Ruta • Senda Nova sae por terras de Cerqueda e Cambre, en Malpica.