Colonias

Marta López AXÓUXERE

CARBALLO

JOSE MANUEL CASAL

Queren o noso aire, a nosa terra, a nosa auga, e agora, ata a bosta das nosas vacas. Cada ano chegan novos proxectos industriais que se disfrazan de «estratéxicos» e que se valen dunha suposta «utilidade pública» para esquilmar os recursos

09 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Queren o noso aire, a nosa terra, a nosa auga, e agora, ata a bosta das nosas vacas. Cada ano chegan novos proxectos industriais que se disfrazan de «estratéxicos» e que se valen dunha suposta «utilidade pública» para esquilmar os recursos, convertendo á Costa da Morte, nunha especie de colonia ao servizo duns poucos.

Non pasaran nin dous meses da apertura ao público do lago das Encrobas, supostamente para o seu goce lúdico e recreativo, cando unha empresa solicitaba a Augas de Galicia o seu aproveitamento para a produción de enerxía hidroeléctrica. Pouco importan os informes que describen o glaciar rochoso do alto da Ruña como unha auténtica xoia xeolóxica: a tramitación desa central reversible prevista por Xeal segue vento en popa e con loanzas do Goberno galego, para máis inri.

Custa atopar un recuncho de Soneira dende o cal mirar a un lado e ao outro sen toparse cun aberrante viraventos copando o horizonte. Cada vez máis potentes, máis grandes, como xigantes que nos recordan a posición que ocupamos na cadea de valor.

E agora, resulta que tamén pretenden apertar un pouco máis esa soga que os gandeiros levan permanentemente atada ao pescozo mediante a limitación dos nitratos. Como filla de gandeiros, pregúntome: canto máis se pode apertar esa soga antes de chegar á asfixia? Baixo o paraugas da protección gubernamental, as empresas ampáranse nas políticas de descarbonización para facer caixa a costa de producir enerxía limpa. O próximo: manobrar para que os gandeiros acaben tendo que carrexar a bosta das súas vacas ás plantas de biogás. E a luz, non se enganen, seguirá polas nubes.