Literatura e moito rock con Javier Becerra no IES de Baio

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Melómano e xornalista de La Voz, fixo un recorrido pola historia deste xénero

11 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Literatura e música foron onte da man no obradoiro que o melómano e xornalista de La Voz Javier Becerra impartiu para alumnos do instituto de Baio. Autor do libro Isto é rock, historia ilustrada do rock&roll para público miúdo, fixo un recorrido pola historia deste xénero. O equipo directivo do centro destaca del o seu «excelente labor de divulgación». Houbo moito para falar e aprender, tamén da invisibilidade que as mulleres sufriron nunha industria musical dominada por homes. A visita de Becerra vénse a sumar a días intensos neste IES.

Así, o escritor, crítico e docente Fernando Díaz-Castroverde foi quen abriu xornadas atrás o Mes do Libro, cun taller de microrrelatos. Logo, o club de lectura de adultos Baiolendo analizou a obra de divulgación Rotas: as mulleres que o franquismo agochou en Compostela, e fíxoo coa súa autora, Montse Fajardo. Rapaces do centro, doutro lado, seguiron esta semana os pasos do balbino Neira Vilas por Vila de Cruces: a súa casa, o cemiterio —con lectura de novela e ofrenda floral—, Ponte Ledesma e as Insuas de Gres.