
Está cada vez máis de moda ollar os solpores, sobre todo os da Costa da Morte, que por riba de bonitos están metidos nun proxecto internacional que vai ir a máis, e que xa empezou forte hai un tempo grazas a un premio Nobel, a Jorge Mira, e en menor medida a outro que pasaba por alí. Xa non falo só de turistas, de conexións con Xapón ou de estudos científicos. Falo de nós, xente de a pé, que sacamos algún tempo cando podemos para agardar expectantes que non haxa nubes cando se pon o astro. Dos que fan un saínte ou un balcón na súa casa para gozar dos atardeceres. Dos que buscan un bar ou unha terraza nas que se poidan ver ben. E non, iso antes non pasaba, o pór do sol era un elemento do día intranscendente, como escoitar chover ou sentir a auga do río pasar. Niso, no pracer do cotiá, fomos cambiando, e axudou moito ter o estómago cheo, porque o lúdico entra mellor cando as preocupacións básicas están cubertas, e antes non o estaban. É como ollar o mar. As principais rúas das vilas máis marítimas están orientadas ao interior: para que vas querer o salitre, o vento, non ter ninguén diante de ti? Queremos agora, que nos gusta o océano e se pode ser, saír á ventá e tocalo. Dillo aos de antes, que só lles daba problemas, agás para pescar, que lles daba a vida (e ás veces, a morte tamén). Coma no sol, nisto mudamos.
Só os maiores botan os ollos cara as fases da lúa para actividades da terra. Vímolo estes días atrás: ollo con plantar as patacas en punta da lúa, con deixalas no cesto ou na barra destapadas porque poden alunarse. Mira de onde vén o aire antes de coller o carro. Coñecer o que temos, o que tivemos.