
Axenda diaria | Carballo, Dumbría, Zas, Muxía, Cee, Vimianzo ou Corcubión acollen hoxe citas
23 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Mércores 23 de abril, Día do Libro, e numerosas citas na Costa da Morte ligadas a esta conmemoración:
Carballo • Botaron a andar onte as actividades da 18.ª Semana do Libro e a Lectura en Carballo. Pasou Antón Cortizas polo Gándara-Sofán, por exemplo. Hoxe a conmemoración do Día do Libro será do máis completa: obradoiros de estarcido con Lorena Caneira nas escolas Agra de Caldas (de 10.00 a 12.00), lectura colectiva con María da Pontragha neste mesmo punto (16.30), tarde de contos en familia con Cris de Caldas na biblioteca Rego da Balsa (17.00 e 18.30), entrega de premios do certame Poesía do Revés igualmente na biblioteca (19.30) e unha ruta polo mapa literario da vila guiada por Hadrián García (17.30, saída do Museo de Bergantiños).
Dumbría • Ás 11.30, nas instalacións municipais do Concello, Lydia Botana —Bolboreta— dinamizará a velada con De aquí para alá coas emocións. Ela é multiinstrumentista e pedagoga musical.
Zas • Festéxase o 23 de abril cun contacontos dedicado a Enrique Labarta Pose. Polo Correo do Vento levará O poeta do pobo ao CPI de Zas (10.00) e ao Labarta Pose (11.30). A actividade enmárcase ademais no centenario do pasamento do autor.
Muxía • A ciclobiblioteca de Carballo con Botas chegará hoxe ás 18.00 horas á Praza do Pardelo. A cita coincidirá co lanzamento, por parte do Concello, do novo Club de Lectura Municipal, con prazo de inscrición aberto dende hoxe ata o día 7 de maio.
Cee • Dun lado, Aspadex conmemora a xornada cunha mostra de encadernación artesanal, da man das persoas coas que traballa: será na tenda solidaria da entidade, na Avenida Fernando Blanco, de 11.00 a 13.30. Doutro lado, o Concello programou na biblioteca a cita Préstamos a cegas: usuarios de calquera idade poderán escoller un libro envolto, tarefa á que lle axudarán unhas pistas.
Vimianzo • Na sala de conferencia da Casa da Cultura, presentación da novela Indolente, do vimiancés Alberto Mancebo (20.00 horas). A obra gañou o Premio de Novela Curta Lueiro Rey. Presenta a xornalista Esther Estévez.
Corcubión • Na biblioteca municipal, ás 19.00 horas, presentación de Os cómaros da vida: diarios 2020-2022, de Xosé Antonio Andrade.
Laxe • Ás 13.30 horas, no hotel Playa de Laxe, inauguración dunha exposición colectiva. Con acceso libre.