
Crónicas históricas | Nova entrega das publicacións en torno aos 150 anos do pasamento de Fernando Blanco de Lema
28 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Ademais da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, tamén se viu favorecida nas últimas vontades de Fernando Blanco de Lema outra entidade benéfica de gran calado na Illa de Cuba como a Real Casa de Beneficencia y Maternidad de La Habana. A undécima disposición testamentaria rezaba así: «Lego y dono a la Real Casa de Beneficencia y Maternidad de esta capital la suma de cuatro mil pesos en billetes del Banco Español».
A Real Casa de Beneficencia y Maternidad non tivo sempre ese nome nin estivo emprazada sempre no mesmo lugar. Antes houbo unha Casa Cuna, unha Casa de Beneficiencia e unha Casa de Maternidad. Cando estas dúas últimas se uniron foi cando comezou a chamarse Real Casa de Beneficiencia y Maternidad. O bispo frai Jerónimo de Nosti y Valdés concluiu no 1711 o propósito do seu antecesor, Diego Evelino Hurtado de Compostela, ao construír a Casa Cuna na esquina das Rúas Oficios e Muralla, primeira obra benéfica da illa destinada a brindar abrigo aos orfos abandonados ou que perdían a seus pais. Os nenos acollidos que non levaban o apelido dos seus proxenitores adoptaban o apelido do bispo Valdés. Pero o abandono do goberno colonial e unha administración ineficaz, entre outros males, foron causas máis ca suficientes para que aquel establecemento non progresara e, aínda que chegou a aloxar ata 200 orfos, chegouse a considerar un «sepulcro de expósitos».
Máis tarde, no 1794, durante o goberno de Luis de las Casas y Aragorri, e por iniciativa da condesa de San Juan de Jaruco, do marqués de Cárdenas de Monte Hermoso e do marqués de Casa Peñalver, fundouse a Casa de Beneficencia nun terreo da Caleta de San Lázaro, zona coñecida entón como Jardín de Betancourt, cedido polo bispo das provincias de Lousiana e da Florida, Luís de Peñalver. Para este fin contribuíron coa suma de 36 mil pesos fortes.
A situación financeira da Casa de Beneficencia foi sempre complicada, chegando a ser crítica no 1824. Para poder superala o capitán xeral Francisco Dionisio Vives favoreceuna mediante un imposto sobre os billetes de lotaría e outro sobre as pelexas de galos, e así arredor de 1830 logran realizarse nela algunhas obras de ampliación e mellora que permitiron instalar unha escola de menores, un departamento de mulleres dementes e un asilo de mendigos.

Grazas ao testamento da habaneira Antonia María Menocal creouse, no 1830, no Hospicio de San Isidro, a Casa de Maternidad, con dous departamentos: «el uno para refugio de aquellas parturientas que deseen cubrir su honor ofendido por alguna fragilidad, y el otro para la conservación y educación de los niños hasta la edad de seis años». Un ano despois, no 1831, a Casa de Maternidad tiña xa edificio propio no Paseo do Prado.
O amplo terreo do que desfrutaba a Casa de Beneficencia permitiu que no 1852, baixo o goberno de José Gutiérrez de la Concha, unírase esta coa Casa de Maternidad e con algunha outra institución cos mesmos fins, nacendo así a Real Casa de Beneficencia y Maternidad de La Habana, a auxiliada por filántropos e ás axudas públicas.
En 1914 o presidente Mario García Menocal converteuna nunha institución estatal dotándoa de orzamento, sen renunciar aos donativos e ás colectas populares. A finais da década de 1950 o goberno de Batista comprou o edificio para demolelo e facer alí a sede do Banco Nacional e a Bolsa de Valores da Habana, pero logo obxectivo trocou e decidiuse que fose o hospital público máis importante de Cuba, o Hospital Clínico Cirúrxico Hermanos Ameijeiras.