
Merecéronos Avelaíñas, de Vilela, Carballo, con dous galardóns, As Xaviñanas (Corcubión) e Meigallo (Malpica)
27 abr 2025 . Actualizado a las 15:26 h.Arteixo acolleu este domingo a 25.ª edición do concurso de música tradicional da asociación Xiradela, creada no 1987. Participaban nel 23 grupos de distintos puntos de Galicia, cunha ampla representación da Costa da Morte, formacións de Carballo, Vimianzo, Corcubión, Cee e Malpica. Doutro lado, unha boa morea de pezas facían alusión a esta terra fértil en tradición, e en case todas as categorías, catro, divididas por idades.
Finalmente, catro galardóns virán para a comarca. Por número, con dous premios, as triunfadoras foron Avelaíñas, da asociación de veciños San Miguel de Vilela, Carballo. Con Uxía Verdía como mestra, Alba Deiros Recarey, Daniela López Becerra e Paula Arijón Fernández debutaron con Jota, muiñeira e pasodoble de Sabaceda (Santa Comba), logrando o segundo posto —200 euros— na categoría A (menos de 9 anos) e o trofeo a mellor vestiario neste apartado. Na categoría C, dos 13 aos 17 anos, fixéronse co primeiro posto As Xaviñanas, da Universidade Popular de Corcubión, con Pandeiretada de Brandoñas, mentres que na D, para maiores de 17, Meigallo, de Carcaxía (Malpica), mereceu o segundo (200), con Serán en Traspielas.