Carlos García: «Pase o que pase, foi o ano que mellor competimos na Terceira»

A LARACHA

O presidente do Paiosaco atende a La Voz xusto antes do último partido de liga, o cal teñen que gañar para manter opcións de permanencia
22 abr 2023 . Actualizado a las 12:08 h.As contas do Paiosaco para salvarse son bastante sinxelas: gañar este domingo en Cangas ao Alondras (17.00 horas) e esperar. Se logran os tres puntos ou se melloran o que faga o Silva fronte ao filial celtista, as súas opcións de permanencia pasarán entón pola salvación do Ourense e do Coruxo en Segunda Federación e polo ascenso dalgún equipo de Terceira na fase de ascenso. Un paradigma complicado, pero máis que posible e ao que se agarra o presidente Carlos García (Paiosaco, 1975) para ser optimista.
—Como van os nervios?
—Non, nerviosos non estivemos durante toda a tempada e non imos estalo agora. Os rapaces saben o que hai que facer: gañar e esperar.
—Pase o que pase van ter que esperar ao que suceda con outros equipos, que lle parece o sistema?
—A ver, claro que non gusta moito pero é o normal, polo sistema de competición. É evidente que non é o ideal pero xa o sabiamos dende o principio da tempada que tiña que ser así e que podíamos estar nesta realidade. Tamén é certo que prefiro estar neste caso que non descendido xa, así que aínda temos opcións.
—É optimista.
—Si. O primeiro é gañar nós hoxe en Cagas, todo pasa por aí. Pero a partir de aí, eu confío en que Ourense e Coruxo consigan a salvación. E en canto ao segundo ascendo dende a Terceira, depende moito do grupo ao que toque medirse. Non é o mesmo que teñas que xogarte o ascenso contra un equipo de Madrid que contra un asturiano, con tódolos respectos, porque as posibilidades de cada club son moi diferentes. Pero se tivera que apostar por un dos galegos, diría o Rápido de Bouzas, pola dinámica positiva que trae e polas sensacións que me deixaron.
—Unhas posibilidades sustentadas nunha segunda volta incrible. En decembro confiaba?
—É que na segunda volta temos números de optar a fase de ascenso [son o sexto mellor equipo na segunda metade da tempada]. Tiñamos confianza porque víamos que eran algúns erros nosos que tiñamos que corrixir. Ningún equipo era moi superior, pero faltábanos gol e no momento que iso se resolveu, xa todo mellorou.
—Foi o mellor ano do Paiosaco en Terceira?
—Eu diría que si. Os rapaces foron adaptándose e xogando moi ben. Aínda na primeira volta vías que éramos un equipo de Terceira con todas as letras. Ademais, é que houbo moitos partidos nos que fomos nós os que levamos a voz cantante. Salvo contra tres ou catro equipos, nós propuxemos e eles viñan a esperar, algo impensable. E aínda contra eses equipos que non puidemos dominar, soubemos competir moi ben. En Abegondo ou en Bouzas tivemos o partido onde queríamos pero finalmente quedamos sen puntuar. O nivel dos xogadores foi moi bo.
—Diego Armando García relacionou ese nivel á paciencia e a confianza que depositastes en el. Tivestes dúbidas do proxecto nalgún momento tras o mal inicio?
—Non, este é un club que respecto aos adestradores nunca ten dúbidas. Unicamente por temas extradeportivos poderían chegar, pero en canto aos resultados non nos fan dubidar, porque nós vemos o traballo e vemos que os xogadores están contentos. Sempre lle amosamos esa total confianza, de feito nós contamos con el para esta tempada e para a que vén, así llo fixemos saber cando asinamos a renovación o pasado verán. Unha proposta que ía dirixida a que el estivese tranquilo, que soubese que pasase o que pasase este ano, el ía seguir no banco de cara o próximo.
—Un método inusual, pero ideal para o traballo do adestrador.
—Nós o que buscamos é que o adestrador estea tranquilo e cómodo. Xa nos custa dabondo atopalos, como para desfacernos deles ás primeiras de cambio. Ademais sabemos que só así poderán realizar o seu mellor traballo.
—Haberá eleccións na directiva no mes de xuño, presentarase?
—Si, son avalista do préstamo da liña de crédito que temos, así que non me queda outra. Pero ben, que non o fago obrigado, son xa oito anos ao mando e iremos a por catro máis.
—Coa situación actual do equipo, hai tempo para preparar a seguinte tempada?
—A verdade é que non. Falamos aí atrás de poñernos ao lío, pero tal é como está todo non é o mellor momento, porque se están xogando moitas cousas. Esperaremos, polo menos a rematar nós e falar con tranquilidade coa xente, aínda que ata xuño non saibamos se descendemos.
«Co orzamento máis baixo da categoría temos que ofrecer outras cousas»
Con el presupuesto más bajo de la categoría, Carlos García es consciente de que tiene que ofrecer otras cosas a jugadores y técnicos para que escojan al Paiosaco.
—Que lle ofrecedes?
—Pois cousas non relacionadas co diñeiro, porque aí temos moitas menos posibilidades que outros clubs. Os que veñen aquí saben que terán comodidade e estabilidade como en ningún outro sitio. Cando están aquí moitos o valoran e falan de que isto é como unha familia, pero, claro, o difícil é convencelos de que veñan.
—A afección xoga un papel importante nese sentimento.
—Evidentemente, non creo que haxa moitos máis equipos con afeccionados vendo os adestramentos. Eu xa sei como é a afección e seguen sorprendéndome enchendo A Porta Santa e acompañándonos nas viaxes. Os xogadores séntense queridos e admirados por uns seareiros que sempre están aí para botarlles unha man e aplaudirlles o esforzo. Iso aquí é único.
«O Paiosaco non corre perigo se descendemos»
Tras as dificultades económicas que pasan agora o Laracha ou o Fisterra tras as súas experiencias en Terceira, podería preocupar a sanidade económica do club, pero nada máis lonxe da realidade.
—Corre perigo o Paiosaco?
—Non. O que non podemos facer é dar máis do que temos e por iso temos o orzamento máis baixo da categoría. Aínda así temos algunhas perdas pola pandemia e a publicidade, pero a partir da tempada que vén esperamos recuperar eses ingresos. Entón non me preocupa porque sei que ten viabilidade. O que si, por agora, non podemos facer un equipo moito máis competitivo que este.