Luar na Lubre, en concerto: «A Laracha é un concello irmán, é unha honra tocar en terras amigas»
A LARACHA
A formación folk, referente logo de 37 anos de traxectoria, ofrecerá este martes 16 de maio na localidade larachesa un concerto de repaso de traxectoria e avance do seu novo disco: 22.00 horas, praza Les Sables d'Olonne, de balde
16 may 2023 . Actualizado a las 00:21 h.Martes 16 de maio • 22.00 horas • Praza Les Sables (A Laracha) • O público que asista este martes 16 dde maio ao concerto que Luar na Lubre ofrecerá na praza Les Sables de A Laracha (22.00 horas, de balde) terá un aquel de privilexio. O que soará na explanada da biblioteca nesta actuación promovida dende o Concello larachés será un xeito de conmemorar as Letras Galegas, mais será tamén un avance da nova xira deste formación folk referencial. «Estamos a piques de presentar o noso 20.º traballo, Luar na Lubre XX Encrucillada», avanza o líder da banda, Bieito Romero. E que traen, por tanto? Pois un repaso ao seu repertorio máis emblemático, aos 37 anos de traxectoria, mais tamén algunha pincelada de novos temas. Veñen de pasar por Sigüeiro e por Trives, e a terra que os acolle esta martes non lles é dende logo descoñecida, moito menos para Bieito, que reside en Arteixo, pero máis preto da Laracha que da capital arteixá: «A Laracha é un concello irmán, sempre é un pracer e unha honra tocar en terras amigas, e de amigos, tan preto da casa que ata podería ir andando. Sabemos que aí se nos quere ben». Sobre o escenario, a banda ao completo, que o mércores seguirá por Lourenzá e Ribadumia: «Aí estamos, dun lado para o outro levando a nosa música». Como el mesmo di, son quilómetros ao lombo, mais con pracer «porque é o que nos gusta». Hai nada que remataron xira por Cabo Verde e, antes diso, por Uruguay e Arxentina.
Coa forza das vieiras e vieiros que antes precederon, este novo traballo discográfico no que están inmersos, e que será non só un disco, senón un libro-disco, sairá a mediados-finais do vindeiro mes de xuño. Aí estarán voces que pasaron nestes 37 anos de historia por Luar na Lubre, pero tamén outras cargadas dun significado especial para a formación, como a de Marisa Valle Roso, «espectacular», a de María Xosé Silvar (Sés), a de Pablo Milanés ou a de Juan A. Antepazo (Astarot) coa súa filla Noa, entre outras. «Creo que un dos obxectivos máis importantes deste novo traballo é facer un percorrido histórico por diferentes momentos vocais que tivo o grupo, diferentes etapas de Luar na Lubre», explica Bieito. Nunca se perdeu de todo o contacto, a miúdo había coincidencias en escenarios, mais a nivel musical supón rencontros. Ana Espinosa, Rosa Cedrón, Sara Vidal, Paula Rei... Elas marcaron un tempo, como o fai agora a vimiancesa Irma Macías.
Luar na Lubre XX Encrucillada vai ser o álbum do aniversario, non de anos de formación, senón de número de discos, e dalgún xeito unha forma dar comezo a «unha nova etapa» na que «as colaboracións van ser máis habituais». Logo da seu lanzamento, comezarán a xirar para presentar un traballo que, en palabras de Romero, será «moi bonito, moi conmemorativo» desta vintena de fulgores do faro Luar na Lubre.