Media ducia de funcións integran o programa, que botará a andar o 11 de outubro
05 oct 2024 . Actualizado a las 20:38 h.Vén de lanzar unha nova edición do seu Outono de Contos o Concello da Laracha, este ano ademais con novidades. A principal, a existencia dun espectáculo para público adulto: o 18 de outubro, ás 21.00, na Casa da Cultura da capital municipal, Tralalareira, narración oral e música de acordeón a cargo de Vero Rilo e Santi Cribeiro.
Serán seis funcións, repartidas entre A Laracha, Caión e Paiosaco, todas con acceso de balde e tan só unha con necesaria inscrición, a do domingo 27 de outubro en Caión: Cuentos de maleta, para maiores de tres anos. Han de anotarse os interesados no 981 605 001 ou no correo turismo@aralacha.gal.
Crear nos máis pequenos un achegamento á literatura infantil e hábitos lectores, á vez que promover alternativas de ocio e favorecer a conciliación, son os tres obxectivos deste ciclo, que botará a andar o venres 11 de outubro, ás 18.00, na biblioteca larachesa: A bibliotecaria estrafalaria 2.0, narración oral a cargo de Cris de Caldas para maiores de 4 anos. Tamén a maiores de 4 vai dirixida a cita do 18 na biblioteca de Paiosaco (18.00): Contos de sapos, bruxas e curuxas, con Paula Carballeira. Caxoto chegará á biblioteca municipal con Levántate, Xan! o domingo 20 e, finalmente, os Bolechas pasarán pola Casa da Cultura (19.30 horas) o 9 de novembro, co espectáculo Os Bolechas tocan nunha grande orquestra, para público familiar.
Organiza este Outono de Contos o Concello, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística a través de Ler Conta Moito, e do programa Dinamiz-ARTj, do Instituto para la Transicion Justa.