Luís Iglesia e Camila Bossa traen hoxe á Laracha unha comedia que aborda a desigualdade laboral
22 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Que ten que ter unha obra de teatro para que, nun só ano, pase por Oroso, Teo, Cabanas, Ordes, Vimianzo, Porto do Son, Santa Comba, Outes, Ribeira, Zas, Caldas de Reis, O Carballiño, Arteixo, Boiro, Melide, Vilamarín, Cee, Foz, Muxía, Carral, Malpica, Brión, Rois ou Abegondo? Moito enganche, sen dúbida, e haberá ocasión de comprobalo hoxe mesmo na Casa da Cultura da Laracha (21.00 horas, acceso de balde). Ao ciclo Venres Teatrais desta vila bergantíñá chegará esta noite Testosterona, da compañía Malasombra, cos afianzados actores Camila Bossa e Luís Iglesia sobre o escenario. É unha proposta incluída dende o Concello na súa programación do 25N, Día da Eliminación da Violencia contras as Mulleres, pois aínda que o fai con comedia, humor e retranca, a obra toca de cheo cuestións como a desigualdade de sexos e laboral.
O director dun medio de comunicación ten que deixar o seu posto en mans dun dos seus subdirectores. Un é un home, e outro unha muller. Ese é o punto de partida, e polas táboas irán desfilando temas como «a maneira na que vemos o poder, como un home ou unha muller chegan a el, que está ben ou mal visto en cada un, que non adscribimos ao xénero feminino, tamén está a maternidade...». Así o explicaba Camila Bossa pouco despois da estrea, horas antes de pasar por Vimianzo. De aquí a marzo do 2025, a función seguirá peregrinando por Ponteceso —mañá—, Ames, A Pobra, Monforte, Viveiro, Fisterra, Meis, Ponte Caldelas, O Barco, Tomiño, Cerceda, Bergondo...
A obra pasará tamén mañá polo ciclo de Ponteceso
«No teatro a medida que vas sumando funcións mellor o pasas, o xogo é máis rico. Engráxase a linguaxe», dicía tamén Camila naquela conversa. Ademais da parada de hoxe na Laracha, Testosterona pasará mañá polo 31.º Ciclo de Teatro de Ponteceso, do que Malasombra é habitual: 22.00 horas, Edificio das Escolas. Con texto de Sabina Berman, dirixe a peza teatral Xoque Carbajal.