Os cantos recuperados de dous parroquianos de Montemaior gañan o concurso larachés de panxoliñas
A LARACHA
A Asociación Cultural de Montemaior, reactivada logo de anos de inactividade, foi a triunfadora da xornada na Laracha
29 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Foi chegar e encher. A Asociación Cultural de Montemaior —que vén de recuperar actividade logo de varios anos de pausa— gañou onte o primeiro premio no concurso de panxoliñas María Angeriz Tuset da Laracha... na súa primeira participación.
Cunha coidada posta en escena, na que os cantores se repartiron en torno a unha mesa e mesmo brindaron ao finalizar a peza, a entidade presentou a panxoliña Festiñas do Nadal, recuperada duns cantos que dous homes da parroquia adoitaban entoar de casa en casa pedindo o aguinaldo: Delmiro do Xestal e Eladio da Carballarredonda.
Tal orixinalidade valeulles aos de Montemaior o primeiro premio da primeira das categorías do certame, recibindo 400 euros máis outros 200 que se lle entregaron a tódolos participantes a modo de gratificación.
Na segunda categoría, e na seguinte orde, resultaron premiados o grupo de idades mixtas da Asociación Cultural Santa María de Torás, a agrupación infantil da mesma entidade e o Coro de Vilaño. Na terceira e última categoría foi condecorada a unión dos coros As Salseiras de Caión e o xuvenil de Santa María de Torás.
Así o decidiu, logo dunha animada e moi concorrida velada, un xurado que estivo integrado por María Canedo, técnica de Cultura e Turismo do Concello da Laracha; Belén Fernández, presidenta do Club Baloncesto Laracha; Suso Couto, en representación da Asociación Musical da Laracha; Esteban Blanco, presidente de Arume de Caión, e Fernando Cernadas, batería no grupo de rock Ambigüo.
A Casa da Cultura, recinto que acolleu o certame, encheuse de espectadores que gozaron durante cadansúa interpretación, así como coa actuación do Mago David Castro, moi aclamado.
O certame de panxoliñas María Angeriz Tuset é só un dos diferentes concursos que o Concello da Laracha pon en marcha coincidindo co Nadal. Nas pasadas semanas tamén lanzou unha competición de postais dirixida ao alumnado de infantil e primaria dos centros educativos do municipio, así como un certame de escaparates comerciais e outro de decoración de fachadas, balcóns e xardíns particulares.