Lucía Díaz: «É unha sorpresa estar aquí, pero agora non imos renunciar a nada»

A LARACHA

A capitá do CB Laracha fala do gran rendemento do equipo en busca dun histórico ascenso á cuarta categoría do baloncesto nacional
15 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O pavillón municipal de A Laracha acollerá mañá unha verdadeira festa do deporte. Alí xogará o CB Laracha feminino o seu sexto partido dunha fase de ascenso na que as xogadoras de Sito Cabado e Fran levan catro vitorias e só unha derrota. Para animar o ambiente de cara ao choque contra o Esclavas (17.00 horas), o club prepara un gran ambiente, coa colaboración do club de patinaxe Conxuro. «Animamos a toda a veciñanza que se achegue a ver todo o traballo que se está facendo e a vivir o que será un gran partido», sinalou en Voces de Bergantiños Lucía Díaz, capitá dun equipo no que leva case vinte anos.
«Foi unha sorpresa para o público, para os outros equipos e para nós, pero non se conseguiría sen todo o traballo que hai detrás. Adestramos moi duro e nunca nos demos por derrotadas nunha liga dun nivel moi diferente á Segunda, da que ascendemos o ano pasado», comentou sobre o rendemento dun conxunto que ascendeu o verán pasado e que xa é un dos favoritos a meterse na final a 4 na que se disputará un ascenso á Primeira Nacional.
«O noso obxectivo era manternos, pero agora mesmo, loxicamente, non descartamos nada, aínda que sabemos que é moi complicado porque hai rivais de alto nivel», rematou a xogadora larachesa.