Casilda Alfaro: «O obxectivo último do teatro é emocionar, e despois reflexionar»
A LARACHA

Teatro de Ningures chega hoxe a Paiosaco cunha obra sobre o dereito a decidir na vellez
11 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Non cesa o teatro na Costa da Morte. Hoxe, 21.00 horas, no centro sociocultural de Paiosaco, avanzará a Primavera Teatral desta localidade larachesa, e ademais farao cunha función ben especial: As gardiás, ou o nó do tecelán, de Teatro de Ningures, con acceso libre de balde. Sobre o escenario, cinco actrices de primeiro nivel: Melania Cruz, Amparo Martínez, Rebeca Montero, Sonia Rúa e Casilda Alfaro. Foi esta última quen onte falou en Radio Voz desta peza que toma como base un texto Nasser Djmaï, de orixe arxelina. A dirección da obra corre a cargo de Cristina Domínguez.
—Vén a unha terra na que é ben querida. Foi Xograresa de Outono do FIOT no ano 2021.
—Si, foi marabilloso.
—«As gardiás», obra acaída para a realidade galega. Fala do «bo envellecer». Quen son estas cinco mulleres que interpretan? Quen son as gardiás?
—Catro destas mulleres que aparecen na obra son mulleres maiores, todas xa xubiladas dunha empresa téxtil. Tres delas coidan á cuarta, que está en cadeira de rodas. Pero de repente chega a filla desta, e desbarata todo o que elas, como coidadoras, tiñan regulado. A peza é unha reflexión sobro o dereito a decidir como vivir a nosa vellez, os últimos anos da nosa vida. Contrasta así a visión da filla, de intentar levala a unha boa residencia, e que esta preto dela, con esa outra de que Rosa sexa coidada por estas mulleres amigas, un coidado de comunidade.
—Reflexión sobre o dereito ou, nalgún caso, tamén a falta del.
—Efectivamente, que normalmente é así, non temos ese dereito en moitos casos. En Galicia, coa porcentaxe tan alta de maiores que temos, é unha obra de moita actualidade, e moi necesaria.
—Cal é a recepción do público, porque o debate está servido.
—Fantástica! Si o está, si, pero como a obra se conta en clave de humor, realmente a xente reacciona e pásao ben, ademais de facela emocionarse nalgún momento, por suposto. Así nolo trasladan os espectadores. O obxectivo último do teatro é facer sentir. E, despois, reflexionar.
—Non se lle enfadou ninguén? Non se lle deron por aludidos?
—[Ri]. Non, non, que veña a xente, que veña ver a obra, porque igual se sorprende.
—Notan diferente recepción segundo sexa rural ou urbano o público que teñen diante?
—De momento, non. En Santiago foi fantástico, en Vigo tamén, coa xente rindo de principio a fin, excepto, como digo, neses momentos e escenas que non son para rir, máis duras, porque o tema así o pide. Aí o que se dá entre o público é silencio.
—Mais son actrices ben novas para meterse na pel de maiores, e nestas circunstancias.
—Xa non somos tan novas [ri]. No meu caso levo facendo personaxes de maiores case dende que comecei a facer teatro. Tanto Sonia Rúa como eu, traballando con Etelvino Vázquez, mira que non fixemos de persoas maiores! E Rebeca e Amparo, igual. Amparo, que por certo na obra está en cadeira de rodas, é en realidade bailarina. En As gardiás non só non pode camiñar, tampouco falar.
—Que ingredientes ten que ter para vostede o teatro?
—Para min o teatro ha de estar ao servizo da comunidade, isto é unha opinión persoal. Como dixen antes, ten que facer reflexionar, non dicir que isto é así ou é da outra maneira, senón facer pensar, poñer diante nosa a realidade, aínda sen dar solucións. Todo isto hai moitas maneiras de facelo, o teatro xoga con moitos elementos, podes buscar ese obxectivo dende a comedia, como é o caso desta obra, pero tamén dende o drama, a traxedia...