Encontros na terceira fase

CABANA DE BERGANTIÑOS

JVQ

Un ano máis, as persoas que o desexen poderán seguir mañá mércores en Cabana a chuvia astral

11 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Botarse ao monte en plena noite, escura e sen lúa, é toda unha

suxestiva aventura á que moi pouca xente se atreve en soidade. Facelo xunto con algúns centos de persoas xa é outra cousa.

Esa é unha das claves do éxito que vén tendo, dende o seu comezo no ano 2003, a Ruta das Estrelas do Concello de Cabana. Mañá ás 22.00 horas arrancaremos dende o dolmen de Dombate, formando unha espectacular cadea luminosa de centos de metros, que xa lle gustaría á Santa Compaña. Cando cheguemos ao cumio, volverase a establecer esa atmosfera que recorda á da película Encontros na terceira fase de Spielberg: un montón de xente mirando cara arriba á espera de visitantes do espazo exterior.

Eses visitantes serán, entre outros, os restos dun cometa que, ao chocaren a uns 100 quilómetros de altura (no entorno da chamada liña de Karman) e a máis de 100 000 km/h, darán lugar a unha das maiores cantidades de estrelas fugaces do ano.

Se un humano é capaz de ascender por riba desa liña de 100 quilómetros, a Federación Aeronáutica Internacional outórgalle o título de astronauta, como o que teñen agora os 6 tripulantes da Estación Espacial Internacional, que nesa noite de mércores veremos aparecer ás 23.28 horas.

Ademais terá un encanto engadido: non se acabará ocultando no horizonte, senón que poderemos ver como, tras 4 minutos de traxectoria, se esfuma ante os nosos ollos no medio do ceo, cando estea case sobre o centro de Francia. A razón? Malia os 350 quilómetros de altura aos que está orbitando, tamén chega a pasar algúns momentos oculta ao sol, e xa non podemos ver a luz que reflexa.

Con todo, o meirande espectáculo non será contemplar ningún astro en especial, senón o ceo na súa totalidade. Sen os obstáculos da contaminación lumínica creados polos excesos faroleiros, se nos concentramos un pouco no espectáculo, a visión do firmamento produciranos un colocón incomparable, que leva irremediablemente a preguntas esenciais: Ten un límite o universo? Dende cando existe?

Igual chegamos á conclusión de que tan só somos un fato de átomos, que se xuntaron para pensar, enriba dun cachiño de terra á deriva pola inmensidade do cosmos.