A Sombra dos Soños, de concerto en Cabana coa Deputación da Coruña
CABANA DE BERGANTIÑOS
Será a primeira parada da Festa da Música, o vindeiro 15 de xuño, ás 22.30 horas
06 jun 2024 . Actualizado a las 20:15 h.Acolleu o Teatro Colón da Coruña este xoves a presentación da Festa da Música, organizada pola área de cultura da Deputación coruñesa para festexar o Día Europeo da Música. Por este motivo, a entidade programará concertos de A Sombra dos Soños, Noar, MJ Pérez, Caldo e Moura en catro concellos da provincia, que son os de Cabana, Ribeira, Muros e A Coruña: días 15, 20, 21 e 22 de xuño, respectivamente. A primeira cita, xa que logo, será en terras bergantiñás, e máis concretamente no local social de Canduas, onde actuará o grupo A Sombra dos Soños: 22.30 horas. En representación desta agrupación acudiu á presentación José Carballido, por moitos xa coñecidos como «o mestre roqueiro de Caión»: no centro desta localidade, do que tamén é director outro dos membros do grupo, José Roca, exerce a docencia. Natividade González, deputada de Cultura, incidiu no cartel de «alto nivel» preparado para a ocasión, coa idea de achegar a música aos veciños da provincia. Carballido avanzou para Cabana un concerto «fermoso e cañero».