«Somos o centro do mundo do encaixe»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

XESÚS BÚA

Quedan poucos días para o comezo da Mostra do Encaixe, unha cita ineludible na Semana Santa da Costa da Morte

20 mar 2016 . Actualizado a las 14:18 h.

Camariñas xa conta as horas para a inauguración da 26.ª Mostra do Encaixe, este vindeiro mércores. Na corporación, boa parte da responsabilidade recae en Sandra Insua, edila de Asuntos Sociais, Igualdade e Promoción do Encaixe. Ten 40 anos. Filla da emigración, naceu en Suíza, mais dende os seis meses criouse cos avós en Tufións (Cereixo). Tiña 14 anos cando volveron os pais e mudaron para A Ponte do Porto: «Teño dous pais e dúas nais». Casou para Camariñas, onde vive «de luns a venres». Na fin de semana vai para A Ponte: «Teño a maleta sempre feita», ri. Con dous fillos (de 6 e 8 anos) saca tempo un sábado para falar da Mostra.

-¿Soña co encaixe estes días?

-Todo o persoal do Concello se volca e eu non son moi nerviosa. A min chéganme só os problemas [ri], pero o resto case o fan todo eles e temos a Dolores Lema, directora da Mostra xa hai moitos anos.

-O lema deste ano é «O encaixe na pel». ¿Que sente se lle digo 'Encaixe de Camariñas'»? ¿Pásalle coma ao alcalde, que di que se lle pon a pel de galiña con Luz Casal cantando «Ao pasar por Camariñas»?

-¡Iso copioumo a min! Teño esa canción de melodía do móbil. Cando Andrea Pouso e Bruxo Queimán viñeron ao Concello [os protagonistas do musical Keltia que haberá o venres], ela cantouma a capela no despacho [ri]. Falando do encaixe e do cartel, Maite, a moza da imaxe, é unha pasada como vive Camariñas, o Carme, o encaixe... A min non me ocorre tanto así, quizais porque xa son da Ponte, veño de Tufións... pero ese sentimento ponme a pel de galiña. Se hai alguén que sente Camariñas son elas, Maite e Rosa [autora da foto].

-Esta Mostra será unha das que teña máis actividades paralelas [campamento, visitas guiadas, musical, primeiro encontro de corais, montaxe renovada con caramiñas...]

-Nótase a aportación da Deputación. Son 60.000 euros máis [a achega é de 120.000, o dobre que o ano pasado], xa aprobados en orzamento. Non hai que esperar nin a unha modificación de crédito nin a que ningún político se lle dea por quitala ou non poñela. Dáme pena que na 25.ª Mostra non puidéramos gozar disto, pero nesta 26.ª poderemos. Dálle prestixio.

-¿Cantos dos seus 13 anos na corporación leva ao fronte da Mostra?

-Esta é para min a quinta, empecei na do 2012. Sempre levara Cultura e Deportes, e tiña na mente a Alonso, o anterior edil, e víao tan agobiado eses días... Eu non sufro tanto, el colleu tempos peores. O ano do Prestige... Acordo a Marisol... Pero temos o traballo de Dolores, que leva moitos anos, as técnicas do museo igual... Todo axuda.

-Teñen dito que esta Mostra 2016 será moi camariñá, aínda máis.

-Dende o primeiro día pretendín involucrar á xente de Camariñas. Canto máis o fan, mellor saen as cousas. Este ano temos un desfile que chamo desfile social [o domingo, ás 13.00], no que todas as palilleiras das asociacións que se atrevan desfilarán con prendas ou aplicacións de encaixe feitas por elas. Estarán nos encontros, o cartel máis camariñán non pode ser [Maite e Rosa son da vila], a montaxe igual... Faltarán detalles por ser de Camariñas, por exemplo no aspecto das modelos, pero niso traballamos.

-A pregunta é obrigada se falamos de encaixe: ¿Vostede sabe palillar?

-Aprendín con sete anos, nunha desas palilladas de verdade, sentada no chan, cun banco... Xusto ao lado da casa dos avós en Tufións. Pero chegou miña nai de Suíza e, como ela fora daquelas palilleiras que palillaban por obriga, de luns a sábado continuamente, e que se non remataba o sábado non saía, díxome: «Ai, non, non. Esta filla palillar non, que estude, que do palillo non vai vivir». ¡Mira que voltas dá o mundo que resulta que agora son concelleira do Encaixe! Quizais non o sei facer ben de todo, e sigo aprendendo cando podo, pero si vivín a palillada de verdade: aprendín cunha tía avoa, aquilo que daquela chamaban dente de can...

-Cambiaron os tempos. ¿Cre que as palilleiras de hoxe son conscientes de que o que fan é conservar arte?

-Aos nenos dígolles que hai que aprender a palillar. Temos uns 50 na Escola de Palillo e cada ano imos a máis, pero tamén o incentivamos, co Pequeencaixe, excursións... Queremos que non se perda por ese trasvase de anos: hai que darse de conta de que para a Mostra fanse moitos pedidos de encaixe e hai que sacalos adiante. Son horas e horas de traballo para os desfiles. E pasando a Mostra, estamos tratando de pechar algo cunha multinacional...

-¿Que cre que lle falta ao encaixe de Camariñas agora, a estas alturas?

-A marca rexistrada. É unha necesidade. É un valor engadido e algo que che esixen. Ninguén dubida do encaixe de Camariñas, pero hai empresas que demandan un selo de calidade, uns controles, garantía de fío 100 % algodón...

-¿Cando se empezou coa Mostra pensarían en chegar aos 26 anos?

-Sempre nos preguntan pola novidade de cada ano, e a novidade é que seguimos, que non é pouco. O primeiro ano que collín a Mostra, era unha Mostra de 140.000 euros de orzamento e xa só a montaxe, a máis barata, se levou 40.000. Foi difícil, e o ano de Prestige estivo a piques de non facerse, pero Marisol ten moita capacidade de traballo. Salvouse, e dende o Concello é unha aposta dura, non só polo encaixe, senón tamén pola hostalaría e por todo Camariñas [a vila triplica a poboación].

-¿Que ten o encaixe camariñán que conquista a tan bos deseñadores?

-Veno como un produto de arte, ademais de que se pode aplicar á moda facilmente. Detrás do encaixe hai unha historia, unha tradición, hai habitualmente o traballo e as mans dunha muller que ao mellor vén de arranxar redes, dunha muller artesá.

-¿Diría que hai que ir á Mostra polo menos unha vez na vida?

-Unha vez na vida non, ¡unha vez no ano! [ri]. Creo que hai que ir para que non se perdan as cousas que temos. É un xeito de facer comarca e de ver unha artesanía valoradísima. Non hai unha feira internacional así no mundo: somos o centro do mundo do encaixe. Vir a Camariñas é dicirlle ao Concello «seguídeo facendo». É moi triste que se perdan as cousas, que a xente nova marche.

-Ademais de edila é tenente de alcalde. ¿Pensou en ser alcaldesa?

-Estando de tenente de alcalde, telo que pensar, porque pode pasar. Cando foi do infarto de Bautista [exrexedor] tiven que quedar con todo dunha hora para outra. Agora non lle teño tanto medo, pero o que quero é que siga Pichurri moitos anos. Serei alcaldesa se me toca ou se non me queda outra. Penso ademais que o está facendo moi ben, e sei que é o mellor alcalde que poden ter os camariñáns. Mellor ca min.