«A miña é unha música-fusión, unha mestura que a fai única»

F. RODRÍGUEZ / P. BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

Eva Sarmiento

Andrea Pousa presenta esta noite o seu disco «Respirar» en Corme, na primeira xornada da Feira Mariñeira Artesá

27 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Inauguración da feira ás 19.30 horas • Comeza hoxe a segunda edición da Feira Mariñeira Artesá de Corme. Música, artesanía, maxia, literatura... Quedará inaugurada ás 19.30 horas e logo empezará a soar a música de My Way, que seguirá na vila toda a fin de semana. Ás 23.00 horas, na Praza da Ribeira, actuará Andrea Pousa. Chega a Corme para presentar o seu primeiro disco en solitario, «Respirar». Onte falou en Radio Voz: «Estou encantada de que me convidaran a Corme para poder presentalo».

-Cantante e actriz.

-Si, aínda que eu considérome máis cantante que actriz. En realidade as dúas profesións van moi ligadas, porque cando un interpreta unha canción fai como se fose unha actriz. Pero si, tamén fago teatro e ando con algo no cine que axiña comentarei...

-E con algún musical.

-Si, son unha das protagonistas de Keltia Musical e xustamente onte [mércores] estivemos actuando en Sanxenxo, polo Día de Galicia. Foi incrible. Vibraron coa maxia de Keltia, un musical co que levamos catro anos consecutivos, un espectáculo que se complementa con danza, con fogo, con música en directo, con iluminación...

-¿Como está indo este seu primeiro disco, «Respirar»?

-Xenial, a verdade. En Corme estarei acompañada do pianista-compositor Nani García, que foi o produtor musical deste disco. Tamén do guitarrista Carlos Calviño e da violonchelista Criptana Angulo. Un trío espectacular de grandes profesionais.

-¿O seu é un disco de fusión?

-Podemos definilo así, porque non me representa ningún estilo en concreto dos que xa existen, de aí que prefira chamala música-fusión, unha fusión do fado, da música celta, da tradicional, da pop... Ten unha mestura e iso fai que sexa algo único.

-Volve á Costa da Morte. A súa última visita, Camariñas.

-Si, a eterna Camariñas que sempre me vai camariñando. En case todos os espectáculos da compañía acabamos cantando esa peza, Camariñas. Pídennola moitísimo e sobre todo fóra, na Arxentina, en México, Uruguai... a onde irei en setembro. É unha canción e un lugar que a xente coñece.

-¿Cantar o Himno foi algo especial para vostede?

-A raíz de cantar o Himno en Balaídos no 2016, algo impresionante, a nosa compañía, Queiman e Pousa, produxo un dvd-cedé-libro onde contamos a historia do Himno, cun documental onde se conta como xurdiu dende a emigración.