«A sentenza é inxusta, desmesurada para un acto administrativo»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CAMARIÑAS

BASILIO BELLO

Sandra Insua releva a Manuel Valeriano Alonso ao fronte da corporación de Camariñas. Recoñece que o pavillón queda moi alto e anuncia que traballará moito

26 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Sandra Insua Rial presidiu o pasado venres o seu primeiro pleno como alcaldesa en substitución, como así se denomina a súa situación ata que outro pleno a nomee rexedora como tal, seguramente a vindeira semana. Recibirá o bastón de mans do seu antecesor, Manuel Valeriano Alonso, quen dimitiu tamén o venres a consecuencia da sentenza de inhabilitación.

Sandra volve ser a única alcaldesa muller en toda a Costa da Morte, un posto que ata o mandato pasado tiña só a ceense Zaira Rodríguez. Tamén ten algunha experiencia ao respecto, porque máis aló dos períodos vacacionais dos titulares, estivo un bo tempo no sillón de mando durante unha baixa médica longa de Bautista Santos.

-¿Como valora a dimisión de Manuel Valeriano Alonso e todo o que a motiva?

-Moi inxusto. É unha sentenza desmesurada para un acto administrativo. Se fose outra cousa, que prevaricara, que se vise que marchase con cartos... ¡Pero por só un fallo administrativo! Naquel contrato renovara a 13 persoas, e só o condenan por contratar a Luis [o operario que tamén fora concelleiro do PSOE un tempo]. O PP denunciara a todos, e Luis foi seleccionado nun proceso limpo e o último mes, que tiña que acabar, foi cando empezaron as inundacións e renovoulle os tres últimos meses a todos. Hai alcaldes que din que antes facíase así sempre, que os contratos de tres meses a intervención nin os miraba.

-¿E como se ve vostede de alcaldesa en substitución?

-O de en substitución é así, é a figura legal porque non pode quedar vacante. Eu xa estivera máis veces e asúmoo sen problemas. No día a día non hai problemas, coñezo os asuntos, a xente... Non hai problema. Claro que entro no sitio dunha persoa cunha imaxe extraordinaria, moi traballador, que acode a todo... O pavillón está moi alto. Pero el é el, e eu son eu. Cada un é como é. Traballarei o mellor que poida.

-A ver se o van botar de menos.

-Todos o botaremos de menos, claro, pero a nivel de traballo farei o posible para que non. El ten unha capacidade de traballo moi grande que intentarei igualar. Dedicarei moitas horas. Conste que eu teño un equipo moi bo que, por suposto, tamén tiña el. Somos xente con moita dedicación e traballamos todos.

-Agora queda libre a súa dedicación (pagada). ¿Entrará outra?

-Son temas que temos que falar no grupo. Hai xente como Juan Carlos que traballa moitísimo e ten media xornada, por exemplo. Depende tamén das circunstancias de cada un.

-¿Que lle parece o traballo de oposición? Especialmente o do PP, o grupo maioritario.

-Que siga así. Por moito tempo. Se seguen así gañará sempre o PSOE en Camariñas. Non sei nin como non se dan conta, pero tampouco lles quero dar pistas. Non cambian a liña, así han de ir lonxe. A ver, en serio. Hai cousas incribles. A lonxa dá vergoña. ¿Non podían facer eles algo coa Xunta, xa que son da mesma cor, e facer algo? Pois nada, non fan nada. Non fan nada por Camariñas. Absolutamente nada. E o PP galego séguelle o ritmo, non se interesa nada por este municipio.

-¿Con que obras e proxectos se vai atopar agora?

-Agora van empezar as obras na rúa principal de Arou, a Trashortas en Camariñas, foi aprobada pola Deputación a da Ponte do Porto, que espero que empece axiña. E a ver se iniciamos xa a primeira fase da praza de San Xurxo...

-¿E non pensa en outros proxectos, a maiores dos xa en marcha?

-Claro que si, pero máis con vistas ao que virá no seguinte mandato, agora a prioridade é rematar o que temos. Pero claro: o paseo marítimo de Camariñas, o da Xunqueira da Ponte... Esperemos que no de Camariñas nos axude o Goberno socialista do Estado. Pero hai detalles que non transcenden moito e son moi importantes. Pasamos dous anos tremendos co cambio á Administración electrónica. Ralentizou moito toda a burocracia. Retrasáronse moitas cousas.

-A marca rexistrada do Encaixe, tamén. Levan moito con ela.

-Tamén se retrasou. Pero non é por política, o traballo está feito. Hai que darlle a forma xurídica. E non é doado.

-¿Vaise encargar da Mostra?

-Xa veremos, hai que distribuír os temas. Se cadra non, terá que ser outro concelleiro. O que si quero seguir levando persoalmente é a área de Servizos Sociais, estou moi concienciada con estes temas. Levo só este mandato, e é un traballo que aprecio moito. Temos tamén o centro de día pendente, que xa está falado.

«Eu espero presentarme ás eleccións, pero os compañeiros son os que deciden»

Filla de emigrantes da costa da Morte (Cereixo, Vimianzo, e Suxo, Muxía) en Suíza, Sandra naceu en Laufen (cantón de Basilea Campiña) hai 42 anos, aínda que dende os 14 anos residiu na Ponte do Porto.

Licenciada en Dereito, é concelleira dende o 2003. Pero xa en 1999 concorreu nunha lista que encabezaba Bautista Santos. En concreto, pechábaa. Tivo que esperar catro anos para ocupar escano. E nada menos que como número 3, aínda que na práctica exerceu de número dous, como primeira tenente de alcalde, pero na lista tiña por en riba ao finado Antonio Jesús Alonso. No seguinte mandato volveu pasar o mesmo, e nos dous últimos xa foi a segunda a todos os efectos. Foi, por certo, a primeira dedicación exclusiva que houbo no Concello ademais da do alcalde. Na actualidade, ata agora, encargábase da Mostra do Encaixe, Asuntos Sociais e Igualdade.

-Queda como alcaldesa durante nove meses, ata as vindeiras eleccións. ¿E despois?

-O partido decidirá quen vai ser o próximo candidato, se hai máis. Eu espero presentarme e xa se verá. A asemblea decidirá.

-Vostede xa se presentara no seu momento, precisamente cando entrou Alonso.

-Non foi así, non me presentei. Eu era unha das dúas opcións que había, pero Pichurri veume pedir o avalar e deillo, e xa quedou el.

-¿Séntese apoiada polos compañeiros?

-¡Totalmente! Pola asemblea, polos compañeiros, por todos.

-¿E a xente que lle di?

-Hai a quen lle sorprende que dimitise Pichurri, pero anímanme.

-Non hai moitas mulleres na política na costa da Morte.

-Non, pero non é algo que afecte. Eu nunca me sentín discriminada en nada. Nunca. Hai que traballar e punto.