«Co postureo que hai na rede, non é doado atopar algo tan real como Man»
CAMARIÑAS
A docente, investigadora e artista Carmen Hermo presenta un libro sobre o anacoreta de Camelle
29 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.A Feira de Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, é o lugar elixido para a presentación de Man de Camelle, a obra na que Carmen Hermo (A Coruña, 1967) reflicte as «diferentes visións» da xente que chegou a coñecer ao anacoreta. Doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo, foi comisaria da exposición permanente do Museo Man de Camelle (Camariñas) e unha das impulsoras da musealización da obra do alemán. Ademais, compaxina a investigación coa docencia e participou en máis dun cento de exposicións nacionais e internacionais.
-Cando comezou a súa relación coa figura de Man?
-A partir da súa morte, no ano 2002, chamounos dende a Costa da Morte unha persoa moi vencellada á historia de Man para ver como se podía conservar, mostrar e poñer en valor -esa expresión que tanto se emprega agora- todo o legado que deixou tras de si. Entón, comezamos a estudar e investigar a súa figura e toda a súa obra. Esa autenticidade que desprende Man foi o que me enganchou. Sentinme no compromiso de conseguir poñela en valor ou que, polo menos, quedase preservada a súa arte de cara aos que veñan detrás.
-Un paso fundamental foi a catalogación e musealización da obra do anacoreta. Como viviu todo ese proceso?
-Foi fundamental. El tiña unha conciencia absoluta de cómo tiña que ser o seu museo e propuña cada proposta de cara a mostrala ao público. As persoas que visitaban o seu museo eran para el importantísimas. Tanto, que as facía partícipes a través dos famosos caderniños. Todas as pezas tiñan unha etiqueta e un código específico que aínda temos que descifrar, a día de hoxe. Esa conciencia de preservar e mostrar ás novas xeracións xa nos vén da man del, de Man. A pesar de haber unha parte efémera na súa obra, todo o que estaba gardado na súa caseta foi o que catalogamos e o que nos deu as claves para entendelo.
-Moito mudou a concepción da sociedade respecto ao artista.
-O que conseguimos, ou pretendiamos conseguir, era saír da personaxe de Man e elevalo á súa faceta de artista. Máis aló das súas aparencias de ermitán e anacoreta, el tiña unha proposta artística moi seria e vivía autenticamente inmerso na natureza. Creo que estamos comezando a conseguir que se mire máis aló da personaxe, da anécdota.
-Que podemos atopar no libro «Man de Camelle»?
-Falei con moitísima xente que o coñeceu -dentro e fóra de Camelle- e o que me atopei é que cada persoa ten a súa imaxe propia de Man; que o levamos ao noso devagar, ás nosas vivencias. Quería plasmar iso, as diferentes visións que se poden ter del, que cadaquén poida contar a súa propia historia de Man e que, de non coñecelo, que poida creala.
-Moita aprendizaxe durante todo o proceso creativo...
-O libro nace da necesidade de contar esta historia dunha maneira polifónica, a través das ilustracións. Comecei nun verán -non recordo cal, pero foi posterior ao museo, iso seguro- a debuxar da forma máis auténtica que coñezo, cun lapis e unha goma de borrar. Dado que a palabra non se me dá moi ben [ri], decidín contar esta historia a través dos debuxos. Non se trata só de que eu o conte, senón de que calquera persoa que o desexe poida formular a súa propia versión desta historia a través das ilustracións.
-Coa publicación desta peza non fai máis que confirmar ese «namoramento» profesional que ten respecto a Man.
-Cando te atopas con algo auténtico, que é de verdade, engánchate. Creo que isto o viviu moita xente que logrou achegarse a este tipo de obra. Non é doado atoparse hoxe en día con algo tan de verdade, con todo o postureo que hai nas redes [ri]. Atopar un ser tan auténtico engancha.
-Presentarao o sábado.
-Será na feira da cultura de Pontevedra, no recinto feiral, a partir das sete e media da tarde.
-Haberá tamén que traelo pola Costa da Morte...
-Xa estamos pensando en algo, si [ri]. Sempre facemos unha homenaxe polo mes de decembro, e podería ter cabida este libro.