Darlle a cada un o que necesita

SILVIA LIJÓ LÓPEZ

CAMARIÑAS

BASILIO BELLO

En primeira persoa, por Silvia Lijó | Teño que dicir que ninguén fai nada só, nada do que fixen o tería feito eu soa

16 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Corenta e tres anos son demasiados para resumilos, é mellor non facelo. Tentarei explicarvos un pouco quen son, por que son así e por que fixen o que xa coñecedes. Ninguén fai nada só. Na vida vas atopando persoas que te acompañan, axudan, ensinan e conforman quen es. Fun e son unha persoa afortunada e feliz, privilexiada. Como facía na clase, gústame usar metáforas. Supoñamos que nacín para ser unha cadeira. Preciso catro patas para ser estable, e as miñas catro foron familia, compañeiros, rapazada e familias e veciñanza da Ponte do Porto e de toda Camariñas, incluídos Tufións, Carnés e Cures.

Coa familia tiven moita sorte. Nacín nunha que nos educou en valores como a honestidade, a honradez e a xustiza social. Aquí está meu pai, que en breve cumprirá 97 anos, e miña nai que xa non está, pero lembro que dicía: con serenidade e educación, defende sempre as túas ideas, e aos que vexas maltratados e humillados. [...] Dende pequena tiven claro a que quería dedicarme, puiden facelo e comezar nova a traballar.

Segunda pata: os compañeiros, de profesión e da vida. Nada do que fixen o tería feito eu soa. Fun atopando persoas estupendas e comprometidas, compañeiros que se converteron en amigos e familia. Como Auri. Cando eu cheguei a Cereixo non tiña idea do que era un neno, planteime no colexio da Ponte preguntando por quen levaba preescolar, e atopeina, transmitiume o seu saber, experiencia, forza e cariño. Javier, Emilio... decidimos quedar aquí e traballar en equipo para realizar a idea que tiñamos de ensino. Durante trinta e tantos anos estivemos intentando ser mellores profesores. Xaquín, o meu compañeiro de profesión e vida, que tivo que sufrir as miñas ausencias en cursos, seminarios, xornadas, todo no que me metía por aquilo de arranxar o mundo [...] Entre estas persoas que me permitiron facer todo o que fixen, quero destacar a Isabel e Lucía, persoas que coidaron e educaron aos meus fillos nestas miñas ausencias de traballo e horas extra. Debo destacar tamén aos equipos directivos, facilitadores, que non poñan paus nas rodas. É fundamental para realizar os proxectos, que necesitan man de obra e orzamento: tamén se buscaban. Estou agradecida ao persoal laboral deste centro, administrativos, limpadoras, conserxes, persoal da cafetería... non sabedes o que facilitan a vida as persoas pendentes do teu traballo e que che din, non te preocupes, que cho fago eu! Debo destacar tamén ás persoas que traballan para o Concello, e cos que traballamos man a man desde o centro e goberno municipal. Sen a concellería de Asuntos Sociais non teriamos feito nin o grupo de encontro de pais e nais, nin o programa de integración familiar... Ali Trillo, Ana Martínez... a súa colaboración foi vital, como tamén teño que destacar a axuda do Concello, en apoio e en ocasións económica.

BASILIO BELLO

Agradezo a proposta deste recoñecemento, especialmente polo que me dixo a técnica de Igualdade o día que me chamou para dicirmo e eu preguntei por que: «Polo teu traballo en educación, pero sobre todo polo traballo en defensa da igualdade, e non só de xénero, en xeral». E aquí vou facer unha paradiña. Non sabedes as veces que este termo me fixo ter debates educativos [...]. Se todos os nenos son diferentes, como os vou a tratar a todos por igual? Sabedes esa expresión «café para todos»? Para min iso é un erro en educación. Hai rapaces que polas súas condicións económicas, familiares, afectivas, cun cafeíño van servidos, pero a outros habería que arrimarlles un bocata de xamón, e algúns por riba un chocolate con churros. Se os rapaces chegan con diferenzas e os tratas a todos igual, as diferenzas mantéñense, non se eliminan. Hai que intentar darlle a cada un o que necesita, esa foi a miña máxima en educación, e foime ben.

BASILIO BELLO

Terceira pata, a rapazada, para quen ían dirixidos todos os esforzos. Como son os rapaces e rapazas de Camariñas? Boa xente, honestos e cariñosos. Algo ruidosos e preguiceiros tamén, pero como vas ser cando tes entre 12 e 16 anos? Onde están os intereses? Aquí no instituto? Para ligar unicamente. Unha das vantaxes de quedar aquí é que segues vendo e seguindo a traxectoria de case todos. É raro ao que non lle foi ben na vida, cada un o seu rumbo, do que se trata é de que sexamos felices, de ir conseguindo metas... [...] É unha grande satisfacción que os rapaces de Camariñas queiran saber de nós.

Cuarta pata: as familias. Nesta profesión é bastante habitual escoitar queixas das familias, de que non se implican, pero a miña experiencia é a contraria. Houbo, iso si, que cambiar a idea de que ao instituto só se viña por cousa mala. Durante doce anos tivemos un grupo de encontro mensual. Ser nai ou pai dun adolescente non é fácil, pero cando compartes e ves que non che pasa só a ti, cando che din que a adolescencia é como un xarampón, que pasa, e que hai que pasalo...

BASILIO BELLO

Como vedes, teño catro patas ben fortes para ser unha boa cadeira. Grazas a quen me acompañou. Fóra de aquí coñecíanme como «Silvia da Ponte». Un amigo díxome: «Olvídate, nunca te van a considerar da Ponte». Despois tiven dous fillos porteños, agora de Dor, agradecidos de ter nacido e ser criados aquí. Volveron dicirme: «Fillos de aquí si, pero a ti non te van considerar da Ponte». Máis tarde xa decidimos quedar para sempre, fixemos casa, porque onde se esta mellor que en Camariñas? E volveron dicirmo, pero a partir de hoxe teño clarísimo que si me considerades unha veciña máis. Como me dicía algún alumno de risa, «profe, sabemos onde vives!». Pois iso, sabedes onde vivimos, a porta da nosa casa está aberta para o que precisedes. Estou de acordo coa xaponesa Haruna Chatani, o mellor de Camariñas son as súas xentes. Camariñas faina a xente que nela vive. E hoxe entre todos fixéchesme o mellor regalo, estar aquí acompañándome.

DNI.

Este texto é un extracto do discurso pronunciado onte por Silvia Lijó antes da descuberta das placas da rúa que agora leva o seu nome. Lijó desenvolveu a súa carreira docente en diversas institucións camariñás, dende o 1982 ao 2020. Destacou sempre e tivo forte impacto por iso, en palabras da alcaldesa, Sandra Insua, «polo seu compromiso constante coa educación, a igualdade e a integración social na comunidade de Camariñas».