Anima á participación no Festifolk e di que son moitas as expectativas
11 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Vaise achegando o sábado 20 de xuño, data do Festifolk Costa da Morte en Carballo. A cita, promovida por La Voz de Galicia, polo Concello e pola Fundación Luis Calvo Sanz, reunirá a máis de 200 gaiteiros de distintos grupos da comarca. Non obstante, tamén está aberto a todo aquel (ou aquela) que teña gaita e saiba tocar os temas previstos, de xeito que pode sumarse á comitiva: son Muiñeira de Lugo, Pasodoble de Pastoriza, Buxos Verdes e, finalmente, o Himno do Antigo Reino de Galicia. Dende o Concello carballés fala a edila de Cultura en funcións, Mar Eirís (Coristanco, 1969, aínda que veciña de Carballo dende ben nena).
-Moito traballo de organización.
-A verdade é que detrás desa gran iniciativa que é o Festifolk e que se trasladou dende La Voz, un proxecto grande, si que hai un traballo enorme, incidindo tamén na colaboración que hai por parte das formacións. Reunir a douscentos gaiteiros polas rúas de Carballo paréceme unha idea destacable e merecedora de recoñecemento. Hai un desexo de que esta iniciativa teña continuidade, así que traballo detrás moito: falar con todos os grupos de gaitas, houbo xa varias reunións organizativas, para mirar pezas...
-Está o atractivo de Luar na Lubre e Birimbao e logo tamén a vocación de reunir a un colectivo.
-Cando falamos do Festifolk Costa da Morte, a idea forte é precisamente esa, á marxe do colofón musical que hai que destacar, por suposto. O xerme está nese agrupamento. Temos todos grandes expectativas por oír tocar eses temas ao unísono, cos grupos realmente entusiasmados, de aí que sexa moi interesante que se achegue a maior cantidade de xente posible, que veña velo.
-¿Gústalle a música tradicional?
-Si, pero ademais, independemente dos gustos, hai que recoñecerlle á gaita ese papel como instrumento tradicional clave. É indiscutible que facerlle esta homenaxe á gaita era moi necesario.
-E máis ás portas do San Xoán.
-Claro. Como música música, aínda que xa vén habendo actividades, é o Festifolk o que abre o programa, e creo que non habería mellor acontecemento para inaugurar o San Xoán.
-¿Que fai valoración fai do traballo na área de cultura carballesa?
-Como área, penso que cultura é a máis agradecida de todas, na que disfrutas, por máis que lle teñas que dedicar moitísimo tempo, xa que a maioría da programación é en fin de semana, polas noites... Dá gusto programar, e por varios motivos. Por un lado tes ao persoal de cultura, que é moito porque esta é unha área moi transversal, dende a brigada de obras ata Protección Civil e Policía, ademais dos programadores, que poñen corpo e alma en buscar o mellor e máis novedoso, para todos os públicos. Por outro, está o gusto que dá ver a enorme participación que temos en todas as actividades que programamos. É moi de agradecer, porque o facemos con todo o cariño e o desexo de que gusten.
-Ademais nun concello con tanto nivel de asociacionismo.
-A Cultura chégannos moitísimas propostas, e penso que na maioría, se non en todas, participan as propias asociacións e grupos do concello.