Xosé María Arán, vicepresidente de Vieiro, considera que cada vez óptase máis por fumar en ambientes privados, e non en espazos públicos ou na rúa
28 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Vieiro alertaba hai uns meses de que catro de cada dez nenos de oito anos xa probara, canto menos unha vez na súa vida, algún tipo de bebida alcohólica. A porcentaxe no consumo de tabaco que obtiveron dos cuestionarios realizados a rapaces de Carballo foi bastante máis baixa, aínda que igualmente preocupante, pois os patróns de comportamento amosaban hábitos fumadores ás agochadas dos familiares. Pese a que a asociación antidroga traballa maioritariamente na prevención na infancia, tamén observan os comportamentos na idade adulta. Cóntao Xosé María Arán, vicepresidente.
-Segundo indican as cifras da Consellería, a xente parece que vai cumprindo coa norma.
-Dende logo o que pode constatarse é que a implantación destas medidas foron moi beneficiosas, e respéctanse eu diría que nun 90%. Observamos que a xente cumpre e é respectuosa cos demais. Polo seguimento que facemos dende Vieiro, creo que cabe felicitar á hostalería nese sentido.
-¿E qué hai do ocio nocturno?
-Nesas zonas en particular a situación non é para tirar cohetes, pero bueno, imos avanzando.
-¿Cales son os casos nos que se dan máis incumprimentos?
-Polo xeral en establecementos de restauración, nas típicas ceas privadas de peñas ou asociacións, en reservados, pero tampouco é demasiado representativo. Tamén hai unha costume moi extendida de deixar fumar nas últimas horas, nas que o establecemento está practicamente pechado. O que está claro, porén, é que hai unha mudanza nas pautas de consumo. Vese nas cifras, pero tamén pola rúa.
-¿Notan que a normativa anime á xente a deixar de fumar?
-Si, moito. Xa só basta con facer unha proba: saír á rúa e pedir un acendedor. Complicado.
-¿Iso tradúcese en que se fuma moito menos ou que se fai nun ámbito máis privado?
-Nas dúas cousas, en realidade. Evidentemente nos últimos anos houbo unha notable baixada no consumo (aínda que a industria tabaqueira segue buscando clientes potenciais a toda costa), pero tamén se fuma menos pola rúa. Agora o tabaco é cada vez máis algo que se deixa para o círculo máis privado. Está claro que a prevención é importantísima, pero a lexislación debe tamén axudar, e neste caso foi un gran acerto, como o será a normativa reguladora de alcol entre menores, que está en trámite e temos que ir a por ela.
-O fumador pasivo agradecerá estes contextos de fume cero.
-Moito, eu creo que é o gran beneficiado á hora de facer aplicable a normativa. Non só esas persoas que acudían puntualmente aos bares, senón tamén polo persoal traballador, ao que non lle quedaba outra máis que aguantar o fume durante todo o día.