
A sexóloga e traballadora social falou onte en Carballo sobre endometriose, unha doenza que se estima que padecen un dez por cento das mulleres, pero que se diagnostica moi tarde e en moi baixa porcentaxe
09 abr 2022 . Actualizado a las 01:09 h.Traballadora social, sexóloga e fotógrafa, a coruñesa Verónica Ramilo (1978) participou onte nunha xornada sobre a endometriose celebrada no Fórum Carballo. Falou desta doenza, dos seus principais síntomas e do descoñecida que aínda é a día de hoxe. Ramilo forma parte da asociación QuerEndo e impulsa, xunto con outras dúas artistas, unha exposición fotográfica que pretende visibilizar a endometriose a través da arte. Nestes momentos está colocada na biblioteca Concepción Arenal de Santiago e alí permanecerá ata finais de mes. Sobre a importancia da educación sexual a tódalas idades, sobre a responsabilidade compartida da anticoncepción no seo da parella, sobre tabús e, como non, sobre a endometriose, falou con este medio:
—Aínda se descoñecen as causas desta enfermidade.
—Así é, non hai suficiente investigación ao respecto, por iso a medicación da que dispoñemos non vai máis aló de aplacar os síntomas. Neste sentido, dicir que apreciamos un sesgo de xénero, xa que non se investigan de igual modo as doenzas que afectan especificamente ás mulleres.
—Cales son os principais síntomas?
—Os dous indicios de alarma son a dor [durante a menstruación ou en todo o ciclo, dor pélvica ou intestinal, molestias na penetración...] e a infertilidade. De feito, moitas mulleres saben que padecen endometriose cando tratan de ser nais, porque é entón, e só entón, cando o aparello médico se pon a funcionar. Cando nos queixamos pola dor só se nos receitan analxésicos, pero non se nos fan probas, xa que existe ese falto mito tan estendido de que «a regra doe», de que é algo normal, pero non é así. Son habituais lixeiras molestias, pero non que chegue a incapacitarte.
—Canto soe tardar en diagnosticarse esta doenza?
—A media está en oito anos desde que se fai constar esa dor, o que afecta á calidade de vida e á propia fertilidade, xa que cando a algunhas mulleres por fin se lles detecta xa non poden ser nais ao teren o aparello reprodutor moi afectado. Por outro lado, a porcentaxe de diagnóstico é moi baixa. A OMS estima que unha de cada dez mulleres en idade fértil a padecen, o que en Galicia se tería que traducir a 60.000 mulleres diagnosticadas, e dende logo que non as hai.
—Tense falado de crear un permiso menstrual regulado para eses casos de dor extrema. Sería axeitado ou acabaría por converterse nun motivo máis de discriminación por sexo á hora de acceder a un posto de traballo?
—Debería tratarse como calquera outro tipo de enfermidade e dende logo que non debería ser motivo de discriminación laboral. No momento de acceder a un posto non temos por que explicar se temos fillos, se temos pensado telos, se temos endometriose ou se padecemos unha enfermidade mental. Ademais, ninguén é 100 % produtivo, xa que absolutamente todos caemos enfermos nalgún momento da nosa vida.

—Segue a ser tabú falar de aspectos como estes?
—Avanzouse. Hai máis educación sexual nas escolas, máis difusión nas redes sociais, e máis material e libros marabillosos para sacar á menstruación dese buraco negro, que parece que para pedir unha compresa o temos que facer ao baixiño, como se fose droga. Queda moito por facer e por naturalizar e a endometriose, sendo unha doenza deste campo, forma parte deses tabús. É unha enfermidade tan descoñecida que mesmo hai xente que pensa que é contaxiosa.
—Falou das escolas. Enquisas elaboradas recentemente entre adolescentes [como esta, en Carballo] lanzaron resultados inquietantes: condutas abusivas, control de parella, descoñecemento das medidas anticonceptivas... Como ve o panorama entre a xente moza?
—Non creo que deba facerse unha análise alarmista. Non é que os mozos de antes fosen mellores, é que antes nin se facían estas enquisas, nin se falaba destes temas, nin se recibía educación sexual. Hoxe en día si a reciben, aínda que sexa ínfima e totalmente insuficiente. Hai que diferenciar, tamén, entre información e educación, que non é o mesmo. Información teñen moitísima, pero o que habería que traballar nas aulas é a educación en valores, en igualdade, en bo trato, como actuar ante poñerse ou non un preservativo ou como reaccionar á diversidade sexual, entre outros asuntos.
—Os estímulos que reciben das redes non son os mellores. Aí está o caso do polémico tiktoker que asegurou ter enganado ás súas parellas sexuais para evitar utilizar preservativo.
—É moi difícil contrarrestar ese fluxo de información, pero creo que o problema non é tanto que reciban esa información, senón que non se lles proporcione un modelo alternativo baseado na igualdade e no respecto. Ao final, quedarán co que ven por esas canles, que soe ser bastante tóxico, aínda que hai que dicir que tamén hai moita xente facendo divulgación en positivo por esas vías. Non todo é malo.