Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Augusto Canario: «O máis importante dunha boa regueifa é a rima e a mensaxe»

a. Lestón / F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

,

Unha das figuras máis populares en Portugal actuará como artista invitado no festival que Carballo acolle mañá

06 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Carballo volverá mañá a converterse na capital autonómica da Regueifa coa segunda edición do festival Espalla Rimas, Os Premios Galegos da Regueifa convocados por La Voz de Carballo co apoio da Consellería de Cultura, o Grupo Calvo e o Concello de Carballo. Será a partir das 18.00 horas cando o Pazo da Cultura acolla a distintos talentos da improvisación oral a través de tres categorías: RegueInfas, RegueiNovos e RegueiAstros. Non obstante, haberá tamén artistas invitados, como é o caso de Augusto Canario, un dos referentes portugueses na arte que alí se denomina Cantigas de Desafío. Un home máis que contrastado nesta cultura e que esta semana pasou polos micrófonos de Radio Voz Bergantiños para falar con Fran Rodríguez.

—Ten algo especial preparado para ensinar en Carballo?

—O que teño son moitas ganas de estar alí xunto ao meu amigo Cándido Miranda, que canta comigo ao desafío máis ou desgarradas, que é outro dos termos que usamos aquí, máis de 40 anos. Entón, xuntos, intentaremos amosar as diferenzas que hai entre a vosa improvisación e a nosa de aquí de Minho, que somos fronteira con vós. Pero sobre todas as cousas, para min estar alí é un pracer, porque teño unha especie de misión que é defender este patrimonio cultural que nos vén legado dos nosos maiores. Aínda que nós tamén sexamos veteranos, porque tanto Cándido coma eu pasamos dos sesenta anos, pero esa experiencia é precisamente o que nos obriga á divulgación para intentar consolidar esta arte que esperemos que algún día sexa patrimonio inmaterial da humanidade.

—Gústalle a iniciativa?

—Claro! Non só esta, senón como traballan pola regueifa en toda Galicia. Eu coñezo máis a situación en Vigo, que é máis próxima, pero sei que hai un sistema para inculcar isto nos colexios. En Santiago o mesmo coa Regeuifesta. E iso é o máis importante, que os pequenos aprendan e conserven esta tradición. Por suposto, os premios tamén me parecen unha gran idea, sobre todo para motivar e incentivar a xente. Non obstante, é unha cita na que hai que estar atento a moitos parámetros, polo que poderíase caer en desprestixiar a rima, que para min é o máis importante. Transmitir mensaxes a través da retranca, pero utilizar ben as palabras. O marabilloso é ver como os improvisadores xogan coas palabras e as coplas para atacar ao seu compañeiro e defenderse.

—Está preparado?

—Eu vou preparado para dar o meu servizo e, sobre todo, para aprender e crear relacións de amizade cos realizadores dunha mesma actividade cultural que é a improvisación cantada.

—É toda unha figura en Portugal. Vén moito por Galicia?

—Si. Eu digo moitas veces que vivo na Galicia do Sur, e cando vou a Galicia conto que vou á Portugal do Norte. É unha broma con moito sentido polos grandes amigos que gardo aí dende hai moitos anos. Se eu ata estiven no primeiro programa do Luar con Gayoso cun grupo que se chamaba Cantares do Minho! Ademais teño compartido escenario con músicos moi famosos. Sobre todo con Luis O Caruncho, que é un amigo persoal co que xa hai moitos anos compartimos cantigas. Ou mesmo o Pinto d’Herbón. Sempre que podo, ademais, vou a Santiago de Compostela, que é unha cidade da que estou namorado.

—Cal é a clave dunha boa regueifa?

—O máis importante é a boa rima e a mensaxe. Despois hai un conxunto de capacidades que son fundamentais: a perspicacia, o contexto, o coñecemento cultural... Eu se vou a cantar a Galicia teño que saber significados de palabras en galego que non se comparten. Porque o crucial é ser entendido, senón a transmisión non funciona. Pero iso pásame incluso indo ás Azores, e temos que estar preparados. É unha das labores máis importantes que temos, saber para quen cantamos e onde. A voz é importante, pero non creo que tanto.

—O nome artístico é importante?

—Tamén, porque calan na xente e representan diferentes cousas como o oficio (Antonio O Carpinteiro) ou o lugar (Pinto d’Herbón. Meu pai chamábase Joaquim Gonçalves Canario, e o nome é bonito e refírese a un paxariño simpático. Así que collino.