O pregón de Gema Paz en Carballo: «Atendede ben, que hoxe a nota teredes que poñerma vós»
CARBALLO MUNICIPIO
Comezou o San Xoán carballés co emotivo discurso da que, durante corenta anos, fora docente de Educación Física no instituto Alfredo Brañas
22 jun 2023 . Actualizado a las 22:06 h.O instituto Alfredo Brañas de Carballo foi o seu primeiro, último e único destino profesional como docente de Educación Física. Varias foron as xeracións que pasaron polas súas mans, moitas foron as persoas ás que impregnou do gusto pola actividade, e moitísimas foron as entidades ás que prestou e segue prestando apoio incondicional: tanto deportivas, como culturais ou sociais. Cun legado así, non é de estrañar a calorosa recepción que onte o pobo carballés lle deu á súa pregoeira deste ano, Gema Paz Bello, no arranque oficial do San Xoán.
«Vexo moitas caras coñecidas. Xente á que aprecio», dixo ao comezar o seu discurso, «atendede ben, que hoxe a nota teredes que poñerma a min». Confesouse honrada por ter sido elixida para tan distinguido labor, e comezou lembrando o que o San Xoán significa e significou para ela. A infancia nas barracas, a tortilla e as cereixas na Festa do Bosque, os gaiteiros animando as rúas, o vestido novo que tocaba estrear cada ano, as garrapiñadas... A morte dun pai que marcou un antes e un despois, o apoio incondicional da familia, a oportunidade de formarse en Educación Física, a posibilidade de traballar nun centro «no que xa no ano 70 había parqué e vestiario con auga quente, todo un luxo, un privilexio».
Lembrou o loitado pola igualdade no deporte, pola actividade ao aire libre, polo fomento do asociacionismo. Retrotraeuse á creación do Xiria —«Cantos xogadores transportei no meu Forito!»—, a aqueles primeiros Albaroques de Arume de Verdillo, ao rexurdimento do balonmán feminino aló polo 2011 e ás moitas viaxes pola comarca para ensinar baile tradicional en compañía da súa boa amiga Dosinda Fuentes, «compañeira de fatigas que xa non pode estar entre nós». Un momento de fonda emoción só escachado por un sonoro aplauso do público, que ateigaba a Praza do Concello.
«Tratei de vivir a felicidade en cada momento», expresou Gema, que se despediu desexando un bo San Xoán: «Que sexan días de alegría e baile. Saltade a cachela con tino, pero lembrade facelo tres veces para que xurda efecto. E non esquezades que a esencia das nosas festas radica no respecto, a convivencia e a solidariedade».
Unha idea na que incidiu, tamén, o alcalde, Evencio Ferrero, que tomou a palabra tras ela. Animou a non desprenderse das tradicións e a seguir demostrando ser un pobo «solidario con quen así o precisa». Tamén recoñeceu o labor vital de Gema e o traballo feito nos últimos tempos no seo do Conservatorio Profesional de Música, cuxa Banda Municipal animou aos asistentes tanto antes como despois do pregón. Parabenizounos por ter impreso un «novo estilo» á agrupación, e é que só no concerto de onte interpretaron dende valses a pasodobres, pasando por muiñeiras ou unha peza á que no seu día puxo voz o histórico Pucho Boedo. Mesmo renderon homenaxe á recentemente finada Tina Turner, e tiraron de raíz versionando Terra, das Tanxugueiras, coa pequena Aroa como solista á pandeireta. Unha pandeireta, por certo, asinada polas integrantes do coñecido trío galego.