
Presentouse no Casino o festival Carbajazz, ideado pola Fundación Manuel Facal, cunha actuación da agrupación Lois Rivera Quartet
17 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Rock, pop, clásica, tradicional, popular, de actualidade... e de cara a un futuro próximo, tamén jazz. Carballo verá aumentada a súa xa variada oferta musical cun festival que nace no seo da Fundación Manuel Facal, que se celebrará anualmente e que este venres foi presentado no Casino 1889 ante a atenta mirada de preto dun cento de persoas. Á actividade, encadrada nas homenaxes polo oitenta aniversario do artista, acudiu parte da súa familia (Facal tivo que ausentarse por un imprevisto de última hora), persoeiros da vida social e cultural de Carballo e, en xeral, afeccionados á música.
Xaime Díaz exerceu de mestre de cerimonias e, antes de dar paso ao grupo Lois Rivera Quartet, integrado por catro promesas do jazz galego, tirou de memoria e dunha das moitas anécdotas que deixou o extinto cine club. «Neste mesmo Casino, na sexta Semana do Cine (1990), proxectamos unha película muda e houbo acompañamento musical cun grupo de jazz da Coruña dirixido por Nani García, recoñecido internacionalmente. Algúns dos músicos que onte [polo venres] actuaron aquí tamén tocaron con el. Claro que no 1990 aínda non naceran, pois son todos menores de 25», conta Xaime, satisfeito pola acollida xeral que tivo o acto e, tamén, a propia iniciativa do festival. Falta moito para que sexa unha realidade, xa que aínda teñen que perfilar o proxecto, buscar financiamento e introducirse no circuíto galego de festivais, pero pouco a pouco agardan darlle forma e ir traendo a Carballo bandas fundamentalmente galegas, portuguesas e, tamén, femininas.
Pero antes, quedan aínda outras catro actividades por diante para homenaxear a Facal: unha exposición da carpeta Cenizas del amor e conferencia de Xavier Seoane sobre a obra do artista carballés (28 de setembro), reunión cos padroados das fundacións Pondal, Novoneyra e Manolo Paz (5 de outubro); mesa redonda con Correa Corredoira, Manuel Vilariño e Antón Castro (19 de outubro) e performance de Antón Reixa (3 de novembro).