Entremetida e inadaptada

SILVIA TASENDE

CARBALLO MUNICIPIO

Ana García

En primeira persoa | Escribe Silvia Tasende | Na escrita de ficción, á que lle dedico o pouco tempo que teño, proxecto os meus seguintes éxitos

08 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicía o escritor Hunter S. Thompson que o xornalismo é un caixón de xastre para entremetidos e inadaptados. A pulsión de escribir foi a que me levou á facultade de Xornalismo coa esperanza de atopar o meu lugar no mundo aínda que, coma simple cronista, non estea convocada a participar dese mundo senón a observalo dende a marxe e tomar notas. Foi precisamente en La Voz, na súa delegación de Carballo, onde realicei as miñas primeiras prácticas como xornalista e foi nestas páxinas onde aquela rapaza inexperta, soñadora e curiosa que principiaba a carreira, aprendeu a facer a ronda de chamadas na procura de acontecementos noticiables, a mellorar as imaxes con Photoshop, a escribir adaptándose a un número de columnas e a documentarse antes do omnisciente Google.

Estabamos daquela, a comezos dos noventa, nas primeiras faíscas dun mundo dixitalizado e distópico e aquelas redaccións rupestres, ademais de ordenadores torpes e faxes choromicas, estaban cheos de fume de tabaco de contrabando. Fixen as prácticas en Carballo xa que é a miña vila natal, aínda que estudaba en Madrid. Nacín na Clínica de Mariño un día de antroido (o DNI máis eu non nos poñemos de acordo no ano) nunha familia numerosa, próspera e benquerida, composta por un papá pediatra, unha mamá mestra e catro fillos, sendo eu a segunda e recibindo o nome de Silvia.

Despois daquela experiencia iniciática en La Voz viñeron moitas outras; traballei uns meses en Radio Nacional de España en Madrid logo de facer o Mestrado de Radio da Universidade Complutense, eventualmente presentei un programa de radio na Cope de Carballo e formei parte da redacción do primeiro xornal dixital de Galicia onde felizmente entrevistei á maior parte dos protagonistas culturais do cambio de milenio. Despois regresei a Madrid para traballar no gabinete de comunicación de Bocaboca, unha produtora de ficción.

Billete sen volta

Cando quedei por vez primeira sen traballo, collín un billete sen volta a Londres. No Costa Coffe Shop da terminal 4 do Aeroporto de Heathrow gocei facendo cafés ristrettos, expressos e machiattos e amigos de tódalas partes do mundo. Despois de queimarme unhas cantas veces na máquina de café, aprendín nunha tenda de gravatas a facer nós de distintos graos de dificultade (o nó simple, o Windsor e o Trinity) e finiquitei esta etapa á beira do Thamesis vendendo a comisión zapatos caros nunha tenda de Richmond. Os zapatos, a maioría feitos en Valencia, espertaron a miña morriña e, coma Ulises, sentín a chamada da Terra.

Despois dun tempo como a coordinadora das actividades de tres centros cívicos de Madrid, farta de comer bocadillos de pan industrial sentada en calquera banco da capital, explotada e desanimada, regresei á Coruña, onde montei unha guía de lecer de distribución gratuíta que financiei, mentres non chegou a grande crise publicitaria do 2008, a través de acordos comerciais.

Cando tiven que pechar a miña humilde revista cultural, chamei aos meus clientes e un deles, ExpoCoruña, elixiume para desenvolver unha feira de moda urbana e emerxente, o Daisy Market, un proxecto co que recobrei a ilusión, mais un cambio político rematou tres anos despois coa miña efémera estabilidade.

Durante todo o tempo seguín escribindo onde tiña oportunidade e abrín o meu propio blog, Ladytasende. Despois chegaron os meus dous fillos, Pedro e Teo, de once e dez anos, e as dificultades para traballar e criar a un tempo. Coma os traballos que conseguía eran cada vez máis precarios e os meus fillos tiñan cada vez máis apetito, decidín reinventarme e volvín ás aulas da universidade, esta vez a Santiago, a facer o Mestrado de Ensino de Linguas. Comecei daquela a miña etapa de opositora e, despois de moito esforzo e varios suspensos, aprobei as oposicións grazas á intermediación de Cervantes e Pardo Bazán, e actualmente son profesora de Lengua Castellana e Literatura no IES Urbano Lugrís da Coruña.

Un traballo perfectamente compatíbel coa vida dos meus dous homiños que pretendo simultanear coa escrita de ficción, á que lle dedico o pouco tempo que teño e na que proxecto os meus seguintes éxitos. Tres acontecementos recentes e practicamente simultáneos marcaron intensamente estes últimos meses da miña existencia: a recente morte do meu amado proxenitor, a separación do queridísimo pai dos meus fillos e a aparición milagrosa dun novo amor co que sinto, vivo e escribo inacabables aventuras á vez que me aproveito da súa proteica biblioteca.

Silvia Tasende. «Cazatesouros, xornalista, escritora, profe de Literatura»: asi é como se describe Silvia Tasende, carballesa, na súa rede social Instagram. Licenciada en Ciencias da Comunicación, ten desenvolvido variados traballos neste campo, e noutros que logo irían chegando, tal e como relata neste texto. Actualmente exerce como docente de Lingua Castelá e Literatura no instituto Urbano Lugrís da Coruña. Adora escribir e é cara aí cara onde se encamiña. Mentres, a través da súa bitácora Ladytasende e das recensións para Grial, fáiselle máis curta a espera de achar un editor.