Moinantes

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO MUNICIPIO

20 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Certa amiga dime que é máis fácil normalizar os desaxustes que resolver os problemas. Algo así fan as Administracións coas zonas marxinais. Mentres non causen problemas irreparables van poñendo parches de contención porque ofrecer unha solución definitiva ten moita complexidade. En Carballo, por exemplo, o que se ten feito a este respecto, sen ser suficiente, é importante. Os talleres de inserción laboral ou as contratacións temporais destes colectivos axudan na inclusión social, o mesmo que o saneamento e a traída de auga que se fixo no Sixto. Do labor asistencial xa se ocupa Cáritas e a Cruz Roja. E dos temas de delincuencia, como no resto das comunidades, ocúpanse as forzas de seguridade cando é preciso. Boto de menos, iso si, que se revise aquel Estudio socio-demográfico da poboación marxinal (de 2002), para ter unha visión actualizada que axude a tomar medidas estruturais de calado que teñan en conta non só a situación económica, senón tamén a educación, emprego, sanidade, etc... E sería conveniente crear, coa colaboración doutras Administracións, un grupo de traballo multidisciplinario que formule propostas e controle a súa aplicación. Proposta que xa fixen en decembro de 2012 nun artigo en www.santipazos-intrusosenlared.blogspot.com que aparece nas primeiras páxinas que Google ofrece para ler cando buscas a palabra moinantes. Algo que debera ter feito o youtuber Joaco Santos antes de publicar un vídeo indocumentado e sensacionalista, cun titular inxustamente alarmista, no que se estigmatiza ao conxunto de persoas que viven neses barrios. Ben é certo que tampouco hai que matar ao mensaxeiro, xa que as imaxes non están trucadas. Como ven, por fin chove, aínda que non a gusto de todos.