Intenso primeiro semestre en Carballo co programa Apego, xa con 350 familias adheridas
CARBALLO MUNICIPIO
De aquí a xuño haberá unha morea de actividades, e ben diversas: unha parada próxima, o 21
09 feb 2024 . Actualizado a las 20:49 h.O Concello de Carballo, dende a súa área de Normalización Lingüística, e en coordinación con outras áreas municipais, ten programadas baixo o programa Apego unha boa xeira de actividades para os primeiros meses do ano. Esta mesma semana foron máis de cincuenta as familias que disfrutaron de Contos miudiños, con Marisa Irimia, e para o día 21 está previsto xa un obradoiro no que, de man de Sara Varela, os asistentes aprenderán diferentes recursos de apego para poñer en práctica nas casas.
Logo, ata xuño, haberá algo de todo: espectáculos de teatro, contos, música, obradoiros de olaría, saúde bucodental, baile, canto tradicional ou mesmo masaxe para bebés. A meirande parte das actividades serán no mercado municipal, se ben tamén haberá algunha ao aire libre, caso da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, cun percorrido polos xardíns municipais que guiará a enxeñeira técnica agrícola e paisaxista Carmen Alonso.
Carballo, lembra o Concello, foi o berce deste programa Apego, e segue sendo un dos concellos locomotora deste proxecto que, segundo explicou a edila de Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, «trata de facilitar a socialización en galego dos nenos e nenas de cero a seis anos, achegando ás familias tanto materiais físicos e virtuais como actividades formativas e informativas, sempre lúdicas». Apego, merecedor dos Premios Rosalía de Castro e da Cultura Galega, botou a andar en Carballo no 2015 e ten neste momento máis de 350 familias —con nenos de 0 a 6 anos— adheridas no municipio. Todas aquelas que queiran sumarse só teñen que achegarse ao consistorio e poñerse en contacto coa técnica Carme Pereiro.