![](https://img.lavdg.com/sc/cBP_tKst1YRzyEE3J10VwQakm_A=/480x/2024/06/21/00121718978101665300648/Foto/CJ22C8F1_1.jpg)
A parroquial actual é de 1975, e a anterior, de 1925
11 oct 2024 . Actualizado a las 20:51 h.Dentro dos límites da vila de Carballo existen cinco centros de culto católico. Se seguimos a orde cronolóxica da súa construción, por antigüidade temos a capela da Milagrosa, no Campo da Feira. Foi levantada por iniciativa do matrimonio formado por Ramón Sánchez e Basilisa Rodríguez, a carón da súa casa. El era natural da Lagoa e ela viñera de Buño. Logo de casar, Basilisa estivo gravemente enferma; como ningún médico lle daba co remedio, ofreceuse á Virxe da Medalla Milagrosa. Logo de sandar, ofreceu como acto de gratitude erguer a capela e un colexio atendido por unha orde relixiosa. O 8 de setembro de 1922 —apunta o arquivo da curia de Santiago— foi bendicida. No seu interior foi colocado un sinxelo retablo, coas imaxes da Milagrosa, san Ramón (onomástica do fundador), san Lourenzo (instalado ao interceder por un incendio nunha propiedade do matrimonio), santo Antón de Padua e un santo Cristo. Estas imaxes son atribuíbles ao escultor compostelán José Rivas. Cara 1926 chegaron a Carballo as Dominicas da Anunciata, para fundar casa e escola no edificio disposto polo matrimonio. A comunidade marchou definitivamente logo da morte do fundador, nos anos corenta.
O segundo centro de culto, dentro de Carballo, é o Colexio da Milagrosa, no barrio de Chorís, xunto ao Alfredo Brañas. Con capela interior, foi fundado por sor María Carracedo Viña, nacida en Rus en 1893, e sor Dolores García, de Sofán. No 1956 iniciáranse as obras, aínda que ambas relixiosas tiñan en mente este proxecto tempo atrás. O complexo foi inaugurado un par de anos despois, ofrecendo un labor importante no campo da ensinanza escolar e cristiá. Naqueles anos, na zona do Balneario, existía a capela da Virxe da Estrela, fundada coa aparición das augas medicinais e construída xunto á fonda que acollía aos enfermos. A capelanía tiña a carga de cen misas anuais e unha cantada o 8 de setembro. O seu promotor fora Bernardo Martín de Aldao, avogado da Real Audiencia de Galicia. Segundo visita pastoral de 1742, a ermida estaba aberta ao culto no territorio denominado Bértoa da Lagoa. A finais de século atopábase en mal estado (incluso durmían os enfermos nela) e na visita de 1817 foi mandada a súa reparación, pechándoa ata que non se verificasen tales obras.
Sanatorio
Tamén co fin atender aos enfermos, cara o 1952 o arcebispo autorizou o culto na capela do sanatorio Virxe do Carme, propiedade do médico Ramón Louzao. O retablo foi regalado á igrexa da Brea pola familia de Ramón. A capela da Brea, ergueita nun solar ofrecido pola familia Romay Mancebo, foi inaugurada en 1979 baixo o padroádego da Virxe do Perpetuo Socorro e, por simpatía cos panadeiros daquela zona, foi colocada unha imaxe, do escultor Rivas, que representa a santo Antón de Padua asistindo a un mendigo cun bolo de pan.
Por último, no 1981-83 elevouse o santuario de san Cristovo. Para esta igrexa moderna foi levada a imaxe do santo, donativo dunha familia da vila, tamén a Virxe de Lurdes (rebautizada como da Boa Viaxe) e un Cristo xacente. Completaríase con tallas traídas de Portugal.
Orixinariamente, a igrexa de Carballo non estaba no centro da vila: o templo foi mudado con motivo do crecemento da poboación en torno ao balneario, que estaba nos límites das parroquias de Bértoa e Sísamo. Polo tanto, a igrexa estivo primitivamente no lugar de Cernide. Tiña un corpo rectangular, con capela maior e sacristía (edificada en 1726); todo estaba cuberto cun artesoado de madeira. Cara 1791, o visitador mandou reedificar o presbiterio debido ao seu mal estado. O mesmo sucedeu na visita de 1817. Aparte do retablo maior, restaurado en 1739 polo mestre Juan Martínez, existía un colateral no lado do evanxeo dedicado a santo Antón de Padua e, no oposto, un retablo coa imaxe de san Paio. Na capela maior existían dúas imaxes, como indica a visita de 1791, de san Xoán: unha era a procesional que existe aínda e, a outra, que era de mármore, representaba o seu martirio. Tamén se veneraban na igrexa vella a san Xosé, san Miguel, san Pedro, a Virxe da Purificación, san Sebastián, san Silvestre e san Roque. O 2 de novembro de 1854, o arcipreste e párroco de Sísamo, Juan Romualdo Fachal, argumentaba que «es indispensable y necesaria una iglesia de bastante capacidad y trasladar a ella la parroquial por su pueblo numeroso». A de Cernide, aparte de estar afastada, era moi reducida. Deste xeito, en 1859 o arquitecto Faustino Domínguez elaborou un proxecto para construír un novo templo no centro de Carballo. Nese intre, a espadana da igrexa vella foi vendida para a capela de Ramil (Rus).
A nova parroquial foi iniciada en 1860 co apoio dunha subvención do Estado e con diñeiro aportado polo municipio; cara 1864 a xa estaba rematada. Como os materiais foran extraídos a pé de obra, os bloques de pedra non tiñan moita consistencia, e como as bóvedas eran moi pesadas para uns muros tan delgados, en decembro de 1886 foi necesario pechala ao culto. A igrexa caeu ás 4 da madrugada do 15 de xullo de 1894, sendo dinamitada e destruída ata a súa cimentación posteriormente. Antes da súa total ruína, os carpinteiros Constantino Moya e Jacobo Espasandín desmontaron os retablos (os colaterais foran elaborados en 1881) e retiraron as imaxes. O Santísimo foi levado procesionalmente á capela da Estrela e alí tivéronse os cultos durante os primeiros días. Aparte das tallas antigas, en 1882 mercáranse as efixies da Virxe de Lurdes e a Dolorosa e, na década dos setenta, a do Carme. Mentres non se proxectaba un templo adecuado, o párroco, Eduardo Cancela, mandou construír entre 1888 e 1889 un local sinxelo para a misa. Nesta capela provisional, dedicada a san Xosé, foron colocados tres retablos e todas as imaxes que había. Na Real Orde do 5 de xullo de 1899 foi autorizada a construción da segunda igrexa de Carballo que, aínda que as obras estiveron paralizadas varios anos, foi aberta ao culto o día de san Xoán de 1925. Como se foi deteriorando moi rápido, esta igrexa pechouse; foi substituída pola actual en 1975. A súa construción fora autorizada o 4 de decembro de 1973.